A Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos, renovan o compromiso co Centro de Información á Muller por outros catro anos máis

Cerdedo-Cotobade
04 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os alcaldes de Fornelos de Montes, Emiliano Lage; Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e A Lama, David Carrera, asinaron este xoves o convenio de colaboración mediante o cal os tres concellos renovan o compromiso de apoio ao Centro de Información á Muller (CIM) para que siga prestando servizo gratuíto ás mulleres dos tres municipios en materia de asesoramento xurídico e atención psicolóxica

Os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; A Lama, David Carrera e Fornelos de Montes, Emiliano Lage
Os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; A Lama, David Carrera e Fornelos de Montes, Emiliano Lage / Concello da Lama

Os alcaldes de Fornelos de Montes, Emiliano Lage; Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e A Lama, David Carrera, asinaron este xoves o convenio de colaboración mediante o cal os tres concellos renovan o compromiso de apoio ao Centro de Información á Muller (CIM) para que siga prestando servizo gratuíto ás mulleres dos tres municipios en materia de asesoramento xurídico e atención psicolóxica.

Este convenio de colaboración establécese por outros catro anos máis para que o CIM siga prestando o seu servizo, totalmente gratuíto desde A Lama, ás mulleres que residen en calquera dos tres concellos asinantes atendidas por unha directora e asesora xurídica encargada da organización, control e xestión do CIM e do asesoramento xurídicos e unha profesional encargada da atención psicolóxica.

O convenio establece que o CIM estará ubicado nas dependencias municipais do Concello da Lama e as mulleres de calquera un dos concellos asinantes poderán ser atendidas nas mesmas condicións ofrecéndoselles asesoramento xurídico, atención específica ás mulleres vítimas de violencia de xénero e, de ser o caso, ás fillas e fillos e persoas menores a cargo da vítima, ou maiores dependentes, facilitando o acceso aos recursos existentes na Comunidade Autónoma, incluíndo a xestión urxente cos servizos policiais, sanitarios, psicolóxicos, xudiciais e sociais que sexan oportunos.

Tamén se atenderá ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade co obxectivo de mellorar a súa situación persoal, social ou laboral; informar sobre os recursos dispoñibles no seu ámbito territorial e de influencia; difusión e sensibilización cidadá acerca da vixencia e aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes e da necesidade da consecución da igualdade de dereitos e de integración social do colectivo LGTBI.

Ademais, o CIM ofrecerá información sobre cursos, estudios e xornadas en materia de igualdade de oportunidades; actuacións de dinamización levadas a cabo por persoas expertas en xénero e igualdade; recepción de denuncias e queixas en materia de igualdade da administración xeral da Comunidade Autónoma; colaboración e coordinación con outras administracións que poida redundar na mellora da atención ás persoas usuarias; impulso para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero como mecanismo útil para a harmonización de todos os axentes e entidades implicadas na loita contra a violencia de xénero; fomento do asociacionismo, etc.

Pola súa banda os alcaldes Emiliano Lage, Jorge Cubela e David Carrera salientaron a importancia deste servizo e agradeceron o compromiso activo e empático das súas responsables "que fan que a súa tarefa vaia moito máis alá do que delas se espera como funcionarias públicas xa que grazas á súa implicación persoal fan que o CIM funcione perfectamente e resulte unha ferramenta moi útil para conseguir os obxectivos de sensibilización da nosa sociedade sobre a consecución real da iguladade entre mulleres e homes e a eliminación da violencia de xénero".

Tamén salientaron a importancia de establecer convenios de colaboración entre concellos da contorna "por enriba de calquera signficación e cor política para atender dun xeito máis eficaz e eficiente as necesidades das nosas respectivas veciñanzas".