Tres días despois de que Ponte Caldelas anunciara que traslada o seu entroido a xuño, un concello decidiu dar o paso e cubrir este oco no calendario festivo da comarca. Trátase da Lama. O alcalde anunciou que, a proposta de varios veciños do municipio, recuperará a celebración do seu entroido. Será o sábado 4 de marzo.
O evento contará cun desfile dos participantes polo centro da vila da Lama, que entregará premios aos mellores disfraces nas categorías de comparsas, grupos e disfraces individuais ou parellas.
Jorge Canda explica que, en anos anteriores, para evitar a competencia con outros concellos, os veciños da Lama asistían á celebración do entroido en Ponte Caldelas "como lugar céntrico que aglutinaba perfectamente esta festa en toda a comarca".
"Tendo en conta que o equipo de goberno tripartito dese Concello desiste na súa intención de celebrar o entroido nas súas datas tradicionais é polo que decidimos dar resposta á demanda dos nosos veciños", sinalou o alcalde.
O evento desenvolverase na tarde de sábado 4 de marzo e, ademais do desfile e o concurso de disfraces, contará tamén cun concurso de orellas e de filloas aberto á participación dos veciños. Un xurado efectuará unha cata a cegas das sobremesas participantes que serán premiadas nas súas distintas categorías.
As orellas e filloas participantes no concurso serán repartidas gratuitamente entre os asistentes ao desfile e público en xeral.
A xornada finalizará co tradicional baile de entroido que terá lugar na Alameda da Lama e que estará a cargo dunha coñecida orquesta do panorama musical galego.