O pleno da corporación municipal do Concello da Lama aprobou, cos votos favorables do PPdeG e a oposición do PSdeG-PSOE e Cidadáns, os orzamentos municipais para o presente exercicio que alcanzan a cifra de 1.454.204,65 euros.
Foron rexeitadas as tres emendas presentadas ás contas municipais polos socialistas e as dúas que levou ao pleno o concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal.
O portavoz socialista, Enrique Vaqueiro reclamou unha redución salarial do alcalde dun 20%, unha maior asignación para actividades do ANPA, que o orzamento cifrou en 5.000 euros, e unha "distribución equitativa de los fondos a comunidades de montes". Pola súa banda, Andrés Cal considerou innecesarios contemplar nas contas municipais 5.000 euros en concepto de desprazamentos e reclamou 10.000 euros máis para arranxos e reparacións no colexio pasando dos 33.400 euros previstos a 43.400 euros.
Jorge Canda sinalou que estes orzamentos municipais son "moi realistas e axeitados para dar resposta ás necesidades dos nosos veciños sin deixar de prestar ningún servizo e mantendo a estabilidade orzamentaria e a solvencia económica que nos permite decir que o Concello da Lama está saneado e que paga puntualmente aos seus provedores".
UNANIMIDADE EN PEDIR UNHA AMBULANCIA E UN PAC
Por outra banda, a corporación municipal aprobou por unanimidade dos seus membros unha moción de Cidadáns relativa á asistencia sanitaria no Concello da Lama que recolle as reivindicacións da Plataforma Falta de Urxencias Sanitarias Verdugo-Oitavén e que reclama a instalación dunha ambulancia e un Punto de Atención Cotinuada (PAC) na Lama así como o aumento das horas de atención pediátrica no centro médico lamense.