Vinte anos non son nada nun edificio, pero son todo na vida das persoas. É a antigüidade que acaba de cumprir o centro penal da Lama sen que externamente deixe notar nin sequera o primeiro signo de envellecemento e, con todo, foron dúas décadas nas que o sistema penal español e o día a día na prisión pontevedresa experimentaron un cambio radical perseguindo o que non se debe esquecer que é o fin último das penas privativas de liberdade: a reeducación e reinserción social. Así o establece o artigo 25 da Constitución Española e así se palpa na vida diaria deste penal.
Non sempre foi así e se os muros dos antigos cárceres de Vigo e A Parda (Pontevedra) falasen poderían testemuñalo. Nonito García viviuno en primeira persoa e tamén pode confirmalo. Actualmente destinado no Centro de Inserción Social (CIS) Carmen Avendaño de Vigo, ata o ano pasado era funcionario na Lama e un das poucas testemuñas directas de como cambiou todo en tan só dúas décadas, de que houbo un antes e un despois da inauguración da Lama en 1998 e unha evolución continua desde entón, sempre camiñando cara unha menor conflictividade e unha mellor convivencia.
Chegou ás instalacións situadas no lugar de Racelo cando as súas portas de rellas se abriron por primeira vez e estivo 19 anos desempeñando o seu traballo nelas, ata o seu recente cambio de destino en 2017, de modo que puido vivir o "laborioso" traslado dos máis de 200 internos que entón cumprían condenan no antigo cárcere de Vigo que foron transportados en furgóns policiais entre estritas medidas de seguridade ata A Lama e tamén a "diferenza brutal" que supuxo ter instalacións modernas, naquel momento as máis actualizadas e de maior seguridade dos centros penais galegos.
Na antiga prisión de Vigo, do mesmo xeito que no vello cárcere da Parda que pechara tan só uns anos antes -1991- o día a día era moi distinto. Cando o 26 de xuño de 1998 inaugurouse atopáronse cambios como, por exemplo, que "había portas que xa se abrían e pechaban por computador ou alarmas" fronte aos sistemas manuais previos e que poderían pasar a ter un sistema de funcionamento interno máis operativo e seguro para internos e funcionarios.
Nos antigos centros da Parda ou Vigo os internos estaban separados en dous grupos: penados e preventivos. Aquilo empezaría a cambiar coa chegada á Lama. Aqueles pouco máis de 200 presos iniciais foron crecendo con traslados desde outras prisións de España ata asentarse, nos primeiros anos, nunha medida de 500 e chegar á súa plena ocupación de máis dun milleiro entre 2002 e 2003. Co crecemento da poboación recluída e o paralelo da cantidade de traballadores, fóronse organizando por módulos nos que "se clasificaba mellor á xente", máis operativos e que facilitaban o día a día.
O salto xa foi abismal, as celas eran de maior calidade, as instalacións gañaban en seguridade e modernidade, pero nada lles podía facer prever entón que, de todos os xeitos, tras aqueles primeiros anos "complicados" de poñer a andar un novo centro esperaríanlles cambios aínda máis drásticos, e sempre para mellor. Chegaron a partir de 2006, coa creación do primeiro módulo de convivencia e respecto, entón o número 6.
Segundo os datos facilitados por Teresa Delgado, subdirectora de tratamento do centro, hoxe en día máis do 60% da poboación da Lama está en módulos de convivencia, pero entón foi un primeiro módulo experimental que, ademais, foi complicado poñer en marcha porque coincidiu con momentos de sobreocupación nos que o penal case alcanzou os 2.000 internos e, tamén hai que recoñecelo, coas reservas hoxe desaparecidas dunha parte pequena do persoal, afeito a unha organización máis estrita do día a día nun penal.
A idea daquel primeiro módulo era, segundo lembra Nonito García, "educar á xente, que tiña que convivir simulando o que é a vida ordinaria na rúa, onde tes que entenderte cos demais, tes que respectalos e convivir", todo partindo da idea básica de que "tes que respectar aos teus semellantes", pois "no momento no que non respectas aos funcionarios ou ás persoas internas, non ten sentido que esteas aquí" e o interno que non cumpre as normas básicas de convivencia debe irse aos módulos ordinarios que seguen existindo en prisión.
Ese espírito daquel primeiro módulo continúa nos oito actuais (sete de convivencia e un terapéutico que supón un paso máis para axudar á deshabituación do consumo de substancias adictivas) e supuxo un paso decisivo, pois "transformou a prisión".
O director do centro, José Ángel Vázquez, está convencido de que parte do éxito destes módulos sitúase na "implicación" dos internos, que se adaptan ás novas circunstancias dunha contorna de "corresponsabilidade" no que os funcionarios de vixilancia e os educadores son quen coordinan as actividades do módulo, pero son eles quen se autoxestionan para cuestións como a limpeza, a organización do día a día ou para garantir a convivencia. Pero, sen dúbida, a clave para que siga adiante e funcionen está no persoal penal.
A aposta desde a Secretaría General de Instituciones Penitenciarias e desde a dirección da Lama pasa pola convivencia, pero para que sexa posible "téñeno que interiorizar os funcionarios", pois "eles son os que están 24 horas ao día todos os días no módulo". José Ángel Vázquez se enorgullece de que "aquí, o persoal, teno interiorizado" e vai "mais alá do que se lle esixe ou se lle pode ordenar" para garantir que as engrenaxes do módulo funcionen e que a reeducación sexa unha realidade.
Esa implicación pálpase no ambiente, na familiaridade coa que os internos do módulo 9 tratan co seu educador, David; no agarimo co que Ramón, funcionario/titor do módulo oito, trata coas persoas que están ao seu cargo; no saúdo que o director dá a todos e cada un dos reclusos cos que se cruza; e tamén nas estatísticas. Entre os internos que cumpren a súa condena nestes módulos a porcentaxe de reincidencia descende ata o 14%, significativamente inferior ao de quen quedan en módulos ordinarios, achegándose cada vez máis aos obxectivos de reinserción que marca a Constitución.