A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou este martes no hotel Candor de A Lama a cuarta edición do programa de minicampamentos ‘Coñece Galicia’.
A través desta iniciativa, ofrécense 600 prazas para nenos de entre 10 e 14 anos para que desfruten de estadías de cinco días en doce establecementos hostaleiros da nosa comunidade.
Fabiola García sinalou que ‘Coñece Galicia’ complementa a oferta de prazas en campamentos da campaña de verán da Xunta. Así mesmo, destacou que esta proposta permite dar a coñecer todo a patrimonio natural, artístico e cultural de Galicia entre a xuventude.
O vindeiro luns, día 12 de xuño, abrirase o prazo para que as familias soliciten praza nesta proposta de minicampamentos. Poderanse facer a través do formulario que se habilitará na páxina web de Xuventude. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata cinco días antes da celebración do minicampamento ou ata esgotar prazas. A adxudicación de prazas será por orde de inscripción.
‘Coñece Galicia’ 2023 incorpora dúas novas localizacións con respecto ao pasado verán: o hotel Candor de A Lama e o hotel Laias de Cenlle (Ourense). Así, a proposta deste ano inclúe os seguintes minicampamentos na provincia da Coruña: Valdoviño Mariño III, con actividades náuticas e sendeirismo; e Descubrindo a Bela Fisterra II, con propostas para o desfrute do medio mariño.
TURISMO DE NATUREZA
Na provincia lucense: A conquista de Foz IV, con actividades de multiaventura e coñecemento do patrimonio natural e cultural; Aventura na Montaña IV, en Piornedo-Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón III, centrado no turismo de natureza e educación ambiental; e Xeocampamento nas montañas do Courel III, en Folgoso do Courel.
Así mesmo, a provincia de Ourense acollerá os minicampamentos Somérxete na natureza III, que se desenvolverá na Pobra de Trives; Acción no Arnoia III, no que os participantes coñecerán o patrimonio natural de Allariz e a súa contorna; e un novo que terá como aloxamento o albergue turístico de Laias en Cenlle e que levará por nome Ecoverán termal en Laias. Neste minicampamento desenvolveránse actividades de natación nas piscinas de Laias e deportes náuticos no encoro de Castrelo de Miño, ademais de visitas culturais na contorna e rutas de sendeirismo.
Por último, na provincia pontevedresa celebraranse as propostas Aventura en Paradanta III, en Covelo e centrado no desfrute do medio rural; Minicampamento Natura IV, en Sanxenxo e a nova proposta Aventura e natureza rural no concello de A Lama.