O Concello de Cerdedo-Cotobade está comezando a perfilar todos os detalles organizativos da novena edición da Festa do Petote, que se celebrará o domingo 11 de marzo no pavillón municipal de Carballedo como peche aos actos do Entroido 2018 e, como de cotío, terá como acto central un xantar popular de exaltación deste produto.
Nesta ocasión, o menú de cocido con petote será preparado polo servizo de restauración do establecemento A de Perdiz, da parroquia de Augasantas, e manterase o prezo de 15 euros por comensal e de 5 para os menores de seis anos.
O convite inclúe un cocido completo con petote, café e postre e ademais repartiranse botellas de viño e auga nas mesas para cada catro comensais. Nos vindeiros días pecharanse todos os puntos de venda dos tiques e poñeranse á venda.
En canto ao programa de actividades, o goberno local está traballando en pechar todos os detalles, baixo a coordinación do teniente de alcalde Fernando Vázquez e o persoal de Cultura, e xa anunciou que haberá inchables e xogos para os cativos e actuacións musicais aínda por determinar.
Ademais, e como é habitual, haberá espazo para a venda de produtos de artesanía e alimentación desde o comezo da festa ás 12.00 horas e os comerciantes interesados xa poden cursar a súa solicitude para participar contactando coa sede administrativa municipal de Carballedo.