A irreverente Mostra da Parodia enche de bo humor as rúas de Pontevedra

Pontevedra
09 de marzo 2019

O humor, a diversión e, por que non dicilo, certo descaro volveron a converter a Mostra da Parodia nunha cita obrigada do Entroido pontevedrés. Once participantes encheron de música, cor e moitas risas as principais prazas do centro histórico da cidade

Mostra da Parodia 2019
Mostra da Parodia 2019 / Diego Torrado

O humor, a diversión e, por que non dicilo, certo descaro volveron a converter a Mostra da Parodia nunha cita obrigada do Entroido pontevedrés. Once participantes encheron de música, cor e moitas risas as principais prazas do centro histórico da cidade.

O Equipo Ja, un dos grupos máis coñecidos do Entroido de Pontevedra, foi o gañador da edición deste ano e levou un premio de 1.300 euros. Lográrono tras converter a Praza de Ourense nunha divertida caseta de feira na que o público, entre outros xogos, podía pescar uns peculiares parrulos de goma.

Un dos segundos premios, dotado con 1.000 euros, foi para Os do Val do Lérez que cunha idea similar situáronse na Praza de España, onde convidaban á audiencia para participar nun hilarante xogo para atrapar aos 'topos', a cambio de aloucados premios.

O xurado, pola súa banda, tamén recoñeceu cun segundo premio a Vamos a Todo, que puxeron en escena un disparatado salón de beleza nos Soportais da Ferrería, onde os pontevedreses máis atrevidos puideron desde pintarse as uñas ou arranxarse o peiteado.

Os terceiros premios, que repartían 700 euros, foron para O que temos que facer, que recreou a serie Fariña -descarga de droga incluída- en Curros Enríquez; para a irreverente exhumación de Franco que interpretaron Os Amoriños de Bora na Peregrina; e para a voda do ano que acolleu A Ferrería, organizada por Las Flores del Carnaval.

Arquivado en