Nove meses despois, a Garda Civil completou a investigación do tráxico accidente que sufriu un autobús a pasada Noiteboa, en Cerdedo-Cotobade, suceso no que faleceron sete persoas e que tinguiu de loito a esta localidade pontevedresa.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, foi quen informou que a Garda Civil xa lles deu traslado dos resultados da súa investigación.
Este informe técnico xa está en poder do xulgado que investiga a causa e que, segundo Blanco, será o que deba determinar que percorrido xudicial seguirá esta instrución.
Sexa como sexa, o delegado indicou que o informe apunta a que a causa "fundamental" do accidente sería un "exceso de velocidade" por parte do condutor do autobús.
Descartan así que as condicións da vía ou a mala climatoloxía que había aquela noite condicionasen o sinistro de maneira significativa.
A investigación policial, que comezou xa tras o accidente, incluíu a participación dun grupo da Garda Civil especializado procedente de Mérida, onde se sitúa a Escola de Tráfico do instituto armado, que realizaron unha reconstrución do accidente.
Ademais, entre outras dilixencias, examináronse os restos do autobús de maneira minuciosa e tomouse declaración ao condutor e ás outras dúas persoas que sobreviviron ao accidente despois de que o autobús no que viaxaban caese ao río Lérez no viaduto de Pedre (Cerdedo).
Tras anunciar os resultados desta investigación, Pedro Blanco quixo apelar á "prudencia" dos condutores que circulan pola N-541 e dos responsables públicos "que avanzan hipóteses sen ter toda a información".
O Goberno, reiterou Blanco, está "comprometido" co mantemento e conservación desta estrada, xa que lembrou que existe un proxecto para investir cinco millóns nela.