A intermodal e a rehabilitación da estación de autobuses estarán terminadas a finais de 2020

Pontevedra
03 de xullo 2019

Así o anunciou este mércores a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante unha comparecencia en Pontevedra para anunciar a licitación das obras de adecuación do complexo intermodal. As empresas interesadas en executar os traballos poden presentar ofertas ata o próximo 30 de xullo 

José Manuel Cores Tourís, Ethel Vázquez e José Luis Pérez Cousillas
José Manuel Cores Tourís, Ethel Vázquez e José Luis Pérez Cousillas / Cristina Saiz

A nova estación intermodal de Pontevedra será unha realidade no segundo semestre de 2020. Para esa data estarán rematadas as obras das dúas fases nas que está dividido o proxecto: a propia adecuación do complexo intermodal e a rehabilitación da terminal de autobuses. 

Así o anunciou este mércores a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante unha comparecencia en Pontevedra para anunciar a licitación das obras de adecuación do complexo intermodal. As empresas interesadas en executar os traballos poden presentar ofertas ata o próximo 30 de xullo. 

En canto a estas obras en concreto, teñen un prazo de execución de nove meses e un orzamento base de licitación de 3,4 millóns de euros. A previsión da Consellería é, segundo se deu a coñecer este mércores, que a finais deste ano 2019 tanto estes traballos como os da propia rehabilitación da estación de autobuses estean en execución e "a pleno rendemento".

As obras de rehabilitación da estación están "a punto de adjudicarse" e a previsión da Xunta é que o ritmo de traballo dos dous proxectos se acompase para que un ano despois, a finais de 2020, estean os dous finalizados e os pontevedreses xa gocen dos resultados dun novo complexo intermodal que a Xunta considera que supón unha "mellora importante na contorna". 

Ethel Vázquez compareceu acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xefe de servizo da Axencia Galega de Infraestruturas, José Luis López Cousillas, e debullou detalles deste proxecto que suporá a posta en valor da contorna do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo que aumentará as áreas de esparcemento dos pontevedreses. 

Así, este proxecto permitirá rexenerar unha parte do río Gafos que no seu momento se soterrou e "recuperalo para as persoas" destapando o leito e construíndo unha pasarela de madeira que facilite o paseo. Ademais, haberá unha conexión peonil entre as estacións de autobuses e ferrocarril e vaise humanizar a contorna, reordenar o aparcadoiro e crear un novo acceso desde a rúa Josefina Arruti, para a entrada e saída directa dos autobuses.

A conselleira insiste en que a actuación busca unha intermodalidade real entre a estación de autobuses e a de ferrocarril a través dunha conexión máis sinxela e segura para os peóns entre as dúas instalacións. Suporá mellorar a seguridade viaria e recuperar un espazo público para os cidadáns.

A actuación implicará crear un novo enlace directo dende a rúa Josefina Arruti, onde se instalarán semáforos regulados a demanda e carrís de espera, pero non afectará ao tráfico rodado. Segundo matizou a conselleira, aínda que haberá una reordenación dos desprazamentos peonís e rodados, "ao tráfico non lle afectaría".

En canto á reforma da estación de autobuses, a conselleira indicou que a previsión é adxudicala nos vindeiros días para comezala a finais do verán. Suporá unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética do edificio, ao incluír a renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores; a mellora das instalacións e aforro enerxético e a mellora dos sistemas de información.

Ambas as dúas obras son resultado dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra e suporán un investimento de máis de 6 millóns de euros.