Un total de 4.398 persoas xa recibiron as dúas doses da vacina na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e, por tanto, xa teñen a inmunización completa fronte á covid-19.
Así o deu a coñecer este domingo o director de Enfermaría da área e coordinador de vacinación covid, Juan Alberto Vázquez Vilar, que fixo balance do primeiro mes e medio da campaña de vacinación.
Segundo os datos facilitados, no ámbito sociosanitario teñen xa as dúas doses da vacina 1.874 persoas, das que 802 son profesionais que traballan en residencias de maiores e centros de discapacidade e 1.072 son usuarios destes centros.
Ademais, teñen xa as dúas doses 2.524 traballadores sanitarios de atención primaria e hospitalaria na área sanitaria e outros 1.149 teñen a primeira. En total, 3.673 traballadores ten polo menos unha dose.
A campaña de vacinación tamén chegou a 86 profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). En concreto, estes traballadores recibiron a primeira dose da vacina de AstraZéneca, 58 no Hospital Montecelo e 28 no Hospital do Salnés.
O seguinte colectivo en vacinarse será o das persoas maiores de 80 anos. Empezarán a recibir a inmunización o vindeiro luns 22 de febreiro.