A inestabilidade meteorolóxica e a afluencia de peregrinos do Camiño Francés ao Portugués son algunhas das condicionantes que impulsan e conteñen as reservas dos hoteis da cidade nesta Semana Santa. Malia ser un bo ano en canto a ocupación nos hoteis e, especialmente, nos albergues da Boa Vila, a tendencia que prima nesta semana é o fluxo discontinuo de turistas debido ás cancelacións e reservas last minute (de última hora).
A porcentaxe de ocupación varía en función da tipoloxía do hotel ou albergue, mais existen trazos comúns ao analizar a ocupación a través das clases de hóspedes que os frecuentan.
Distínguense dous tipos de hóspedes habituais nestas datas: o peregrino e o turista nacional que busca relaxarse e desfrutar durante as vacacións.
No caso do peregrino, a afluencia de chegada á cidade é regular ao longo do ano, aínda que aumenta levemente nos primeiros días desta festividade, motivada polo desexo de chegar á capital galega a tempo para as celebracións da fin de semana. Segundo o director do Hotel Avenida, Borja Vence, "este es un buen año de peregrinos, desde abril se notó un aumento bastante pronunciado".
Tino Lores, presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués, asegura que se está a dar un traspaso de peregrinos do Camiño Francés ao Portugués, motivado pola saturación do primeiro, e que cada vez son máis os que chegan, polos mesmos motivos, a Pontevedra. "Mentres que durante o ano anterior aloxamos uns 85.000 peregrinos, este ano agárdanse máis de 90.000 e ata 120.000 para 2021", ano de celebración do Xacobeo 2021. Once anos despois do último Xacobeo, este ano santo promete o perdón de todos os seus pecados a aqueles crentes que visiten a tumba do apóstolo na Catedral de Santiago, polo que a corrente de viaxeiros aumentará enormemente.
En canto ao turista nacional en busca de boa gastronomía e lecer, prima nesta Semana Santa a inestabilidade das cancelacións e as reservas last minute, mantén Guillermo Cabrera, recepcionista do Hotel Rías Bajas. A ocupación neste caso é menor, xa que a maioría de turistas desta índole realizan as súas reservas a través de páxinas web especializadas en hospedaxe, que permiten anular a reserva con dous días de antelación. Ante isto, e cunha previsión meteorolóxica tan inestable, son habituais as dúbidas e cancelacións.
Con todo, agárdase un aumento no número de reservas a partir deste xoves, dado que a maioría de turistas españois adoitan vir durante a ponte e a previsión meteorolóxica é favorable para eses días.
Como conclusión e segundo sostén Paula Lourido, directora do Hotel Madrid e presidenta da Asociación de Hoteleiros de Pontevedra, a ocupación hoteleira nesta Semana Santa é lixeiramente máis baixa que o ano pasado, xa que en 2018 a celebración da Europa Cup de waterpolo femenino e o Campionato de EspañaInfantil de Natación nos primeiros días, fixo que a porcentaxe se mantivese nun 85% durante toda a semana. Este ano, pola contra, sitúase arredor do 75% en termos xerais, aínda que se agarda que a ocupación se incremente durante a ponte grazas ás reservas de última hora.