O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou este venres á industria vitivinícola como un dos "puntais" da economía galega, vaticinando que dará "moitas alegrías" a Galicia polo "magnífico momento" que atravesa.
Rueda, que visitou a leira experimental que a adega Martín Códax ten en Meis, subliñou que o viño e toda a súa infraestrutura de produción é "fundamental" para Galicia en termos de empregos, ingresos e facturación anual.
Neste sector, lembrou o presidente galego, traballan uns 10.000 viticultores e preto de medio milleiro de adegas, repartidas entre as catro denominacións de orixe que, no seu conxunto, acumulan unha facturación de 230 millóns de euros cada ano.
Ademais, o titular da Xunta recalcou que esta actividade serve tamén para "fixar poboación no rural e ordenar as terras".
Durante a súa intervención, Rueda destacou que o sector soubo repoñerse a "momentos de moita dificultade", nos que foron capaces de "ver unha oportunidade e seguir crecendo".
Todas estas adegas forman parte do que o presidente da Xunta denominou "marca Galicia", porque a súa actividade serve de maneira paralela para "proxectarnos e vendernos turisticamente no exterior", ao impulsar as actividades relacionas coa enogastronomía.
"O enoturismo está a coller moitísima forza con adegas que combinan a elaboración de magníficos viños coa posibilidade de que a xente veña a coñecer a zona", afirmou.
As adegas, que actualmente se atopan en plena vendima, indican que será unha campaña "magnífica", segundo indicou Alfonso Rueda, porque "acompañou o tempo" a uns traballos previos que se fixeron "moito antes e moi ben".