As concellerías de Medio Ambiente e Servizos e Seguridade Cidadá multiplican o persoal coa incorporación de 172 persoas. Nalgúns casos xa están a traballar, noutros se incorporarán esta semana ou o mes que vén.
A duración dos contratos foi crecendo cada ano polo incremento da actividade turística. Dos tres meses no caso do persoal das praias (limpeza e socorristas) e a maioría dos auxiliares de policía ata os seis e, mesmo, nove meses nalgún caso do persoal de mantemento, obras, xardíns, electricistas e parte dos auxiliares de policía.
As 172 persoas que constitúen o reforzo distribúense entre a concellería de Servizos e Obras, que conta cun persoal fixo de 16 traballadores, e que se reforza con 55 persoas para labores de mantemento, coidado de praias, xardíns e electricistas.
Pola súa banda, a concellería de Seguridade Cidadá conta cun persoal fixo de 34 persoas entre a Policía Local e o Servizo de Emerxencias. Sanxenxo dispón de policía as 24 horas os 365 días do ano, algo pouco habitual en concellos similares en poboación. O reforzo da seguridade cidadá inclúe: 34 auxiliares de policía, 80 socorristas e sanitarios, e 3 persoas de emerxencias para reforzar a campaña de incendios.
O Concello fai un esforzo importante de gasto no persoal eventual, aínda que conta coa colaboración doutras administracións, como a Deputación a través do Plan +Provincia e a Xunta de Galicia.