A inauguración da trixésimo sexta edición da Semana Galega de Filosofía encheu case por completo o Principal na mañá deste luns. A cita que, como todos os anos, será un punto de encontro para intelectuais e interesados na filosofía de todos os lugares, xirará nesta ocasión arredor da temática das fronteiras.
O acto inaugural comezou ás 10:30 horas da mañá no Teatro Principal da man do alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, que lle deu a palabra aos representantes das diferentes institucións que participan no evento cultural: Ana Regueira, presidenta da Aula Castelao de Filosofía, Gema Rial Rodríguez, bibliotecaria-contadora do Colexio de Avogados de Pontevedra, Xosé Leal Fariña, deputado provincial de Cultura, e Jorge Soto Carballo, vicerreitor da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra.
En primeiro lugar, a presidenta da Aula Castelao de Filosofía fixo unha introdución ao tema deste ano, dando resposta aos por ques na súa elección e adiantando as diferentes subcategorías que se irán tratando no seu desenvolvemento. Segundo as súas palabras, aínda que a temática elixida é complexa pola súa ambigüidade ou difusa definición, será moi accesible acercarse a unha visión global da mesma a través de catro "eixos de reflexión" que categorizarán as distintas intervencións. A primeira sería "A desaparición das fronteiras e a definición da persoa", que tratará de xeito amplo como inflúen as fronteiras na autodefinición persoal e como a súa eliminación cambiaría inevitablemente a forma en que se conciben as persoas.
Tamén se falará das "Fronteiras como feito socioeconómico", en especial, como se establecen as fronteiras no sistema económico capitalista, onde os intereses económicos son o eixo principal e a vida e dignidade das persoas o secundario. O terceiro eixo serían "Os estados e as fronteiras", no que se tratarán os presupostos en que se fundamentan as soberanías dos Estado-nación occidentais.
Por último, "Fronteira e migración", coa definición das condicións baixo as cales se establecen os estados e fronteiras, que levan consigo a aparición de patrios e estranxeiros.
Tras a introdución de Ana Regueira, os representantes das distintas institucións presentaron os seus agradecementos e cedéronlle a palabra ao alcalde, que pronunciou o seu habitual discurso de benvida, no que convidou á creación dun "mundo utópico sen valados, sen fendas entre as persoas, sen ameazas e sen hexemonías ou abusos culturais. Un mundo da igualdade e o amor ao diferente, de riquezas compartidas, de orgullos xenerosos".
Con sesións de mañá, tarde e noite, a Semana Galega de Filosofía continuará ata o venres 26 de abril.