Coincidindo coa conmemoración da Semana Europea da Prevención de Residuos, Sogama está a organizar xornadas divulgativas nos concellos pontevedreses para formar e concienciar á cidadanía sobre a separación de residuos e a implantación do quinto contedor, o marrón.
Baixo o lema “O marrón, o contedor que devolve vida”, educadores de Sogama impartirán estas sesións en Poio, Vilanova de Arousa, O Grove ou Cambados. A de Sanxenxo, que se celebrou o pasado 15 de novembro en Noalla, foi todo un éxito.
En Poio haberá dúas charlas: a primeira, centrada na reciclaxe, terá lugar o día 21 de novembro, ás 20:00 horas, no Casal de Ferreirós, e, a segunda, orientada a grandes produtores para a recollida diferenciada da materia orgánica, o día 23, ás 11:00 horas, no Centro Cultural Xaime Illa.
A instalación en Poio deste quinto contedor iniciarase de xeito piloto nos grandes xeradores, por ser os grandes produtores de materia orgánica para, máis adiante, implantalo na totalidade dos fogares do concello, reforzando así a compostaxe comunitaria e doméstica.
As charlas de Sogama continuarán en Vilanova de Arousa o día 22, ás 17:00 horas, na Estación Marítima Mar de Santiago; e no Grove, o día 24, ás 17:00 horas, na sala das cunchas do Concello, focalizada tamén nos grandes produtores.
A última das xornadas programadas, que será en Cambados, xirará en torno á reciclaxe e terá lugar ás 19:00 horas, en Exposalnés.
O obxectivo destas charlas é explicar á veciñanza a razón de ser deste novo recipiente, que residuos deben e non deben depositarse no mesmo, o necesario uso de bolsas compostables para introducir neste recipiente a materia orgánica e o tratamento que esta fracción recibirá na planta de Sogama en Vilanova de Arousa para ser convertida en compost.
Ademais, as sesións serán aproveitadas para incidir na necesaria aplicación, por parte da cidadanía, do principio europeo dos tres erres -redución, reutilización e reciclaxe- ou para lembrar os materiais que deben introducirse en cada un dos contedores de recollida selectiva de lixo.