A Illa de Ons volveu a colgar o cartel de completo durante os primeiros días do mes de agosto.
Segundo confirman desde a Central de Reservas da Xunta de Galicia, desde o día 2 e ata o 12 de agosto, un total de 1.300 persoas tramitaron a súa autorización para visitar diariamente o arquipélago, o que se traduce nun total de 14.300 autorizacións. O día 13 está a piques de completarse e para o 14 tan só quedan 120 prazas dispoñibles.
A Naviera Mar de Ons é a encargada de realizar as saídas diarias á illa de Ons desde os portos de Vigo, Bueu, Sanxenxo, Portonovo e Pontevedra tamén os sábados, domingos e festivos cunha cota diaria limitada de 1.300 prazas, polo que lembran que ante o interese por visitar a illa durante os meses de verán polas súas praias e roteiros de sendeirismo, débese de reservar tamén con moita antelación.
As persoas interesadas en visitar tanto Ons como Cíes poderán tramitar a súa autorización gratuíta a través da páxina web da Xunta de Galicia. Unha vez retirada a prerreserva, adquiriranse os billetes antes de dúas horas na páxina web da Navieira.
Pola súa banda, as Cíes tamén están a piques de colgar o cartel de completo este mes, quedando prazas dispoñibles a partir do 29 de agosto.
Para visitalas, a Navieira Mar de Ons realiza saídas a diario desde diferentes portos das Rías Baixas: Cangas, Vigo, Baiona, Sanxenxo e Portonovo.