A Illa de Arousa, por terra, mar e aire en "Volando voy" con Jesús Calleja

O Salnés
14 de novembro 2017

Por terra, mar e aire. Así visitou o aventureiro Jesús Calleja o municipio da Illa de Arousa, protagonista de excepción do programa Volando voy, emitido por Cuatro o pasado domingo. Trátase dun espazo que descobre os recunchos máis descoñecidos e agrestes da xeografía española

A Illa de Arousa, no programa "Volando voy"
A Illa de Arousa, no programa "Volando voy" / Mediaset España

Por terra, mar e aire. Así visitou o aventureiro Jesús Calleja o municipio da Illa de Arousa, protagonista de excepción do programa Volando voy, emitido por Cuatro o pasado domingo. Trátase dun espazo que descobre os recunchos máis descoñecidos e agrestes da xeografía española, valéndose para iso da tecnoloxía máis sofisticada.

Esta entrega de Volando voy, a última da súa cuarta tempada, gravouse o pasado mes de xuño  e, xa entón, Calleja desfíxose en eloxios cara á ría de Arousa, mostrando o seu entusiasmo por Galicia a través dos seus perfís en redes sociais.

Durante a emisión, o programa de Cuatro mostrou espectaculares imaxes aéreas da ría de Arousa, gravadas no seu día desde o helicóptero amarelo ao que, cada semana, sobe o propio Jesús Calleja e tamén mediante o emprego de varios drons teledirixidos.

O aventureiro leonés chegou á ría arousá para coñecer o modo de vida da poboación e, sobre todo, a aprender todo o relacionado co mexillón. Así, ademais da Illa, o programa trasladou aos espectadores, entre outros lugares, á illa de Sálvora, a Vilagarcía de Arousa, o parque de Corrubedo ou Ribeira. 

Calleja, ademais de coñecer as paraxes naturais da zona, tivo tempo para coñecer a Antonio, un peculiar biólogo que lle mostrou numerosas curiosidades sobre o mexillón; a Benita, unha mariscadora xubilada que emocionou a todos coa súa historia de vida; ou a Javi Maneiro, guitarrista do grupo de rock Heredeiros da Crus.

Tamén probou a gastronomía local da man do chef Pepe Solla, facendo uso da última tecnoloxía de impresión 3D con alimentos, compartiu unha xornada de traballo coas mariscadoras e impulsou a construción dun banco e dun aparcadoiro para bicicletas feitos a partir da cuncha de mexillón que se refuga.

Ademais, como é habitual en cada programa, Jesús Calleja tenta resolver algúns problemas diarios aos que se enfrontan os veciños das zonas que visita. Na Illa, como non podía ser doutro xeito, optou por prestar a súa axuda á poboación que vive directamente do mar, especialmente os bateeiros.

Os bateeiros teñen que estar a vixiar constantemente as bateas, xa que calquera cambio na auga do mar ocasionado por verteduras externas como a marea vermella podería acabar con toneladas deste molusco, o que sería un desastre para a economía local.

A misión de Calleja consistiu en probar un sistema de sensores que analiza a auga as 24 horas do día e permite actuar rapidamente se xorde algún problema. Como axudante, contou coa participación especial do actor Álex González, que se atopa gravando en Galicia a serie de Telecinco Vivir sin permiso. Non dubidou en poñerse en traxe e mergullar co aventureiro.

Todos os protagonistas do programa reuníronse para velo xuntos nun acto, celebrado na Illa, e conducido por Jesús Calleja. As imaxes e as reaccións que provocou este visionado tamén acabaron sendo incluídos na entretida montaxe final.