O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, falou da programación posta en marcha pola administración provincial con motivo do 8 de marzo, Día da Muller, sinalando que "esta Deputación non vai dar ningún paso atrás en igualdade", e que "vai abrir as portas para que moita máis xente, de todos os sectores sociais, se implique e vexa reflectido o seu labor nesta institución".
"Sen ser revisionistas, non imos renunciar a unha visión da igualdade ampla, aberta e cómplice", engadiu o presidente da Deputación que entende que a igualdade "é un espazo de encontro no que todos cabemos, sen fronteiras ideolóxicas". Esta é a filosofía "que orienta a nosa programación do 8M", remarcou Luis López.
"Non imos converter a igualdade nunha disputa política; o que queremos é converter a igualdade nun espazo o que se reflictan todas as visións e todos os puntos de vista, que son moitos", apuntou.
Dentro desa programación o presidente provincial ha destacado como novidade a convocatoria dos premios de Boas Prácticas en Igualdade, destinados a distinguir proxectos executados por persoas físicas ou entidades que reduzan a discriminación, favorezan a igualdade ou contribúan a eliminar a violencia machista.
Premiarase con mil euros ás mellores iniciativas no ámbito social, cultural, deportivo e educativo. Ademais concederanse dúas mencións honoríficas, sen contido económico, a persoas ou entidades cunha "traxectoria inapelable" a favor da igualdade.
XUNTA DE GOBERNO
Luis López compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta dos 1,65 millóns de euros mobilizados na Xunta de Goberno Provincial "principalmente para comercio local e investimentos municipalistas".
Por unha banda, adxudicouse á empresa Baigar SL, por algo máis de 110.000 euros, a suministración de illas ecolóxicas nos concellos da Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Moraña, Oia, Pazos de Borbén, Portas e Vilaboa.
Estas illas ecolóxicas forman parte do proxecto "Dá túa man Rural (2)" e contarán con contedores específicos de cartón, envases lixeiros, vidro, biorresiduos e tamén estarán dotadas de paneis informativos e con xardineiras ornamentais.
Ademais, o goberno que preside Luis López activou máis recursos do Plan de Obras e Servizos da Deputación, o Plan +Provincia. No marco da liña 3 deste Plan, destinada ao emprego, a Xunta de Goberno aprobou 800.000 euros para que os concellos de Agolada, Baiona, Bueu, Crecente, Portas e Salceda de Caselas contraten un total de 57 persoas.
No caso da liña 2, de gasto corrente, aprobáronse 268.000 euros para Lalín, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Por último, a Deputación aprobou novas subvencións ao amparo da liña 1, de investimentos, do Plan +Provincia para: A Cañiza, A Estrada, A Lama, Lalín, Meis e Mos.