Os catro grupos da Corporación municipal do Concello de Poio aprobaron, de xeito unánime, unha moción para instar ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a que acometan unha serie de medidas e actuacións en favor da igualdade e da supresión daquelas discriminacións "que impiden ás mulleres participar en igualdade de condicións en todos os ámbitos da sociedade".
Trátase dun documento impulsado con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, e consensuado previamente.
Así, o escrito propón ao Executivo a aprobación do novo Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2019-2020, así como dar un pulo definitivo a un Pacto Nacional para a Conciliación Nacional e a Racionalización de Horarios.
Neste senso, a moción lembra que o vindeiro 1 de marzo terá lugar unha gran manifestación nacional en Verín, baixo o lema "Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado".
Precisamente, os coidados están no centro das reivindicacións, "polas consecuencias que ten para as mulleres galegas o sistema económico, político e social no que vivimos, que non podería sosterse sen desenvolver, en moitas ocasións, estes labores de xeito gratuíto ou a través da precariedade".
Ademais das reclamacións, o Concello tamén se compromete a implicarse neste tema a través de diferentes actuacións. Unha delas consistirá en ofrecer á veciñanza un transporte para tomar parte na mobilización do vindeiro domingo, "para contribuír á concienciación e reivindicación do dereito das mulleres a participar en todos os espazos da sociedade". Ademais, pendurarase a bandeira feminista na fachada do Consistorio "como acto simbólico de apoio á folga e ás reivindicacións do 8 de marzo".
BNG, PSOE, Avante e PP comprométense a través desta moción a "traballar polo avance da sociedade cara a igualdade de xénero, rexeitando calquera retroceso en dereitos e liberdades para as mulleres".
Con respecto ás demandas á Xunta de Galicia, o Concello ve necesario que a Administración autonómica facilite un informe sobre a cobertura das prazas de Pediatría do municipio desde o 1 de xaneiro de 2019, onde se dea parte das substitucións por baixa, permisos laborais e vacacións. Ademais, a Corporación solicita ao Executivo galego que, dentro das súas competencias, leve a cabo "accións para impulsar a igualdade retributiva das mulleres en todos os ámbitos".
Neste sentido, o texto firmado por todos os partidos políticos de Poio lembran que "no noso país existe unha fenda salarial de máis de 4.000 euros entre homes e mulleres, que se dá tamén nas pensións de xubilación en máis de 400 euros". O documento alerta de que o 75% das persoas con traballo a tempo parcial tamén son mulleres.