A igrexa de Santa María de Sacos, en Cerdedo-Cotobade, está a ser obxecto dunha ambiciosa actuación desde o ano 2023 que na actualidade está ao 65% de execución para devolver ao templo ao seu estado orixinal.
A actuación supón un investimento de case 330.000 euros da Xunta de Galicia e este sábado visitaron a igrexa para comprobar os traballos o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos e a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez, acompañados polo alcalde, Jorge Cubela.
José López Campos sinalou a necesidade dunha restauración, por unha banda, debido ás situacións climáticas adversas e, por outra, a causa duns traballos feitos, durante a segunda metade do século XX, para evitar a entrada de auga e o exceso de humidade, cos que o inmoble sufriu unha desvalorización estética e artística.
O conselleiro agradeceu a "profesionalidade" dos traballadores que están a levar a cabo para "poder salvagardar os bens culturais, históricos e relixiosos que garda esta igrexa".
As intervencións, buscan solucionar as filtracións de auga do templo a través dun illamento térmico sobre as bóvedas da nave e a ábsida e sobre o falso teito da sancristía, ademais de impermeabilizar correctamente a cuberta e o encintado dos muros.
Tamén inclúe, na porta principal, unha canle para a recollida de augas e evitar así as filtracións ao interior da igrexa e unha limpeza superficial e un saneado das xuntas para retirar os encintados de morteiro existentes.
O proxecto inclúe a substitución das ventás existentes de aluminio, que non permiten a ventilación da igrexa e a eliminación do revestimento superficial a base de árido, xeso e morteiro de cemento que cobre a maior parte dos muros. Nas intervencións tamén se prevé a retirada do coro de formigón por un novo realizado en madeira, semellante ao que tiña o inmoble.
Actuarase tamén sobre as pinturas que se atopan na bóveda da ábsida.