Máis de 300 persoas, segundo as cifras aportadas pola organización, acudiron este sábado á primeira edición da 'Marcha da Dignidade' organizada pola plataforma veciñal de Lourizán entre a zona de Os Praceres e o Pazo de Lourizán para demandar á Xunta de Galicia que paralice o proxecto de ampliación da depuradora instalada na parroquia.
A marcha reivindicativa convocouse para denunciar que os plans da Administración autonómica para a EDAR "significarían acabar de masacrar a parroquia" e para demandar a necesidade de poñer fin a "tantas barbaridades que se levan feito durante décadas" en Lourizán e empezar a reverter a situación e "recuperar o noso paraíso roubado".
A actualidade relativa á continuidade de Ence en Lourizán protagonizou inevitablemente a acción de protesta, pois a plataforma veciñal considera que "estamos nun momento importante para a nosa parroquia". Dado que o novo emisario e a ampliación da depuradora están intimamente ligados a Ence e a súa permanencia na Ría de Pontevedra, piden á Xunta que espere a saber que resolven os tribunais sobre a situación da pasteira e a prórroga para ocupar os terreos de Lourizán antes de seguir adiante con eses proxectos.
"Se finalmente os xuíces declaran a ilegalidade da prórroga e Ence se tivera que marchar de Lourizán a medio prazo, non hai ninguén que non entenda que a EDAR dos Praceres tamén se tería que desmantelar", consideran, de maneira que lle esixen publicamente á Xunta que paralice o proxecto de novo emisario ata que se resolva o caso nos tribunais.
Os veciños consideran que o futuro incerto da prórroga de Ence é un motivo máis para non permitir a ampliación da depuradora, pero en calquera caso, aínda que seguira Ence, a plataforma seguirá a loitar para que esta non se leve a cabo en ningún caso.
Unha representante da plataforma leu un manifesto onde se fixo memoria da loita veciñal: "As nosas avoas loitaron fai 60 anos contra a instalación da celulosa e algunhas delas pagaron co cárcere. As súas nais xa loitaran antes contra os dragados na praia. Despois viñeron outras loitas, como a do estaleiro ou a do tren. E agora a ampliación"