O Gastroespazo do primeiro andar Mercado de Abastos de Pontevedra acollerá esta fin de semana, de venres a domingo, a I Festa dos Cogomelos, organizada pola Asociación Gastronómica do Mercado e a Asociación Micolóxica "Brincabois" de Pontevedra, en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo.
O evento conta coa participación de sete establecementos do Espazo Gastronómico, que durante os vindeiros días 19, 20 e 21 de novembro elaborarán receitas cunha ducia de variedades de cogomelos.
Os cogomelos serán subministrados polos socios da asociación "Brincabois", complementándose con pedidos aos postos da planta baixa do Mercado de Pontevedra.
A concelleira Yoya Blanco convida a todos os pontevedreses "a aproveitar a tempada de cogomelos para probalos dun xeito moi diferente ao que están acostumados e desfrutar coa familia e os amigos desta festividade culinaria".
RECEITAS VARIADAS
Os establecementos, coas súas propostas gastronómicas e prezos serán as seguintes:
- A Pola: La Setísima Burger (9,95 €)
- A Fervella: Lentellas con Boletos (4,50 €)
- Poke-Umami: Poke temperado con sitake (4,50 €)
- Merluzateca: Pizzza Merluzoteca con Croca e Cantarelos (10 €)
- A Batea: Níscalos con mexillóns en escabeche (8 €)
A viñoteca O Quiñón encargarase de servir os mellores caldos para maridar á perfección con estes pratos. E o posto de Cerveza Nasa fará o propio coas súas cervexas artesás.
ACTIVIDADES DE DIVULGACIÓN
En paralelo, a asociación micolóxica fará unha exposición de exemplares de cogomelos e paneis divulgativos, cos que dar a coñecer o mundo dos fungos pero tamén insistir no perigo de recoller cogomelos sen coñecementos previos.
A exposición micolóxica presentará exemplares únicos, como cogomelos de máis dun metro de diámetro e a estrela será un cogomelo momificado de forma natural, con preto de 18 anos de antigüidade.
O sábado día 20 ofrecerase unha charla divulgativa pola mañá, ás 12:00 horas, a cargo de expertos da asociación "Brincabois". E o domingo 21 ofrecerase aos participantes no Ganapán un percorrido pola exposición e insistirase nos riscos que entraña recoller cogomelos, non só no monte, senón en calquera espazo da cidade.