A humanización da rúa Lepanto xa é unha realidade. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este martes as obras, que se atopan practicamente finalizadas, para anunciar que esta mesma semana, o renovado viario abrirase ao paso de peóns e vehículos.
"Substitución total dos servizos, plataforma única, accesibilidade universal, mellora da iluminación, acougado do tráfico e creación dunha praza que dá máis calidade urbana", enumerou o rexedor as virtudes da reforma dunha rúa que conecta Benito Corbal con San Antoniño e que completa o cambio de imaxe da mazá coas remodelacións do edificio da Xunta e das vías contiguas.
Cun orzamento de 183.000 euros, matizou o mandatario nacionalista que non será ata o 5 de novembro, cando se proceda ao asfaltado do entroncamento con San Antoniño, cando os traballos queden completamente finalizados.
No tocante ao tráfico rodado, o sentido de circulación será descendente, desde Benito Corbal a San Antoniño, para todos aqueles coches que o precisen, informan desde o Concello.
Un dos aspectos máis rechamantes da reforma está relacionado coas baldosas rugosas que indican ás persoas invidentes a distancia coas fachadas dos edificios. Neste caso, estas lousas están desaliñadas ao longo da rúa.
"A banda rugosa para as rúas de plataforma única ten que estar a 1,80 metros das fachadas, o que pasa é que o edificio da parte de arriba está máis metida na rúa que as de abaixo", xustificou o dirixente.
Desde o Concello de Pontevedra confían que a reforma da rúa Lepanto reactive a actividade comercial nesta zona. "Cada vez que se aumenta a calidade urbana da rúa, leva consigo un incremento da actividade económica e revaloriza os inmobles e tamén os baixos", dixo o alcalde poñendo como exemplo o ocorrido na rúa Virxe do Camiño ou Gorgullón.
VARIANTE DE ALBA
Tamén se referiu Fernández Lores ao proxecto de construción da variante de Alba. "Estamos a esperar a que decidan sobre as alegacións que o Concello presentou", declarou o alcalde, que espera que os técnicos acepten " facer unha vía adaptada ao territorio, co tráfico acougado e con rotondas en lugar de viadutos porque é unha estrada de 900 metros e a 30 quilómetros por hora faise en dous minutos".
GRAN MONTECELO
Está previsto para hoxe a defensa do conselleiro de Sanidade dos orzamentos da Xunta para o próximo exercicio no Parlamento. As contas autonómicas reservan unha partida de tres millóns para iniciar a construción do Gran Montecelo, uns fondos que suscitaron algunhas críticas.
"Tres millóns de euros parécennos un pouco escasos se finalmente se adxudica a final deste ano. Son doce meses nos que se podería executar máis obra, pero hai unha partida específica para iso, é certo que ás veces os inicios da obra son os máis complicados e supoño que nun momento determinado ao longo do exercicios se poida suplementar", declarou o rexedor de Pontevedra. "Eu si me creo que hai vontade política de facelo", rematou.