A humanización da estrada PO-308 en Portonovo, un paso máis para mellorar a experiencia turística de Sanxenxo

Sanxenxo
02 de xullo 2024

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, coñeceu este martes de primeira man o resultado das obras de humanización da estrada PO-308 á altura de Portonovo. Esta actuación supón, en palabras de Rueda, melloras que "fomentan os hábitos saudables, permiten ordenar o tráfico" e fan este percorrido "mais agradable"

Visita de Alfonso Rueda e Telmo Martín ás obras da PO-308 en Portonovo
Visita de Alfonso Rueda e Telmo Martín ás obras da PO-308 en Portonovo / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, coñeceu este martes de primeira man o resultado das obras de humanización da estrada PO-308 á altura de Portonovo, en Sanxenxo, unha actuación que contribúe a mellorar os servizos que presta o municipio aos turistas.

Acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e do alcalde, Telmo Martín, o presidente da Xunta destacou que Sanxenxo é "un dos concellos máis importantes de España" a nivel turístico e puxo en valor a importancia destas actuacións que contribúen a mellorar a travesía entre O Grove e Pontevedra

Esta actuación supón, en palabras de Rueda, melloras que "fomentan os hábitos saudables, permiten ordenar o tráfico" e fan este percorrido "mais agradable".

Rueda aproveitou esta visita a Sanxenxo para destacar o compromiso da Xunta con renovar e ampliar as infraestruturas da comunidade para mellorar os servizos a disposición de veciños e turistas.

Ademais, salientou as boas previsións do turismo na comunidade para este verán e apostou por seguir "coidando aquilo polo que a xente nos visita" e por fomentar a chegada de novos visitantes "con sentidiño" e promover a desestacionalización do turismo. 

A intervención na PO-308 en Portonovo levouse a cabo nun tramo de preto dun quilómetro entre o mercado e o cruce da Perla e investíronse 2,3 millóns de euros, dos que o 70% foi asumido pola Xunta e o 30% polo Concello de Sanxenxo.

Con esta actuación, delimitáronse os espazos mediante pavimentación da zona de peóns, zona de tráfico e zona de aparcamento. Ademais, renováronse e ampliáronse as beirarrúas para dotalas de maior accesibilidade e para reforzar a seguridade viaria, calmando o tráfico, e habilitáronse tres novas glorietas. 

Ademais, a actuación incluíu os traballos de renovación de redes de abastecemento, saneamento e pluviais e alumeado público, a canalización subterránea para telefonía e electricidade que substituíu os tendidos aéreos e dispúxose unha nova sinalización horizontal e vertical. 

O alcalde, Telmo Martín, agradeceu a implicación da Xunta con Sanxenxo e incidiu na transformación do espazo. "Esta actuación converteu a estrada da Lanzada nun bulevar en pleno centro comercial de Portonovo o que repercute non só nos visitantes senón en todos os veciños", asegurou o rexedor.