A humanización da Avenida de Ourense dá os seus primeiros pasos na zona de Cantodarea

Marín
24 de abril 2024

Desde hai varias semanas, a UTE formada polas empresas Moncosa e Fechi, adxudicataria dos traballos, está levando a cabo a reposición de tubaxes que se atopaban en mal estado e xa iniciou a primeira fase do proxecto na zona de Cantodarea

Marián Sanmartín recibiu ás representantes da Asociación Veciñal A Fonte-Estribela, para explicarlles os detalles da humanización da Avenida de Ourense
Marián Sanmartín recibiu ás representantes da Asociación Veciñal A Fonte-Estribela, para explicarlles os detalles da humanización da Avenida de Ourense / Concello de Marín

A Avenida de Ourense é a arteria principal de Marín que une a todo o municipio e conecta coas vilas limítrofes de Pontevedra e Bueu. A través dela, son miles os marinenses e visitantes que pasan, ben a pé ou en tráfico rodado, para chegar aos distintos puntos de Marín. Pero tamén é un espazo de desfrute, de paseo, de economía local e de dinamización.

Despois de realizar unha importante mellora da beira pegada ao peche do Porto, unha inversión feita a través de Marín Dusi e que cambiou substancialmente a imaxe e a modernidade urbana da Avenida de Ourense, agora é o momento de mellorar a outra beira, a que está máis pegada aos edificios, para a que se investirán 1,12 millóns de euros a través do Plan de Recuperación, Transición e Resiliencia do Ministerio de Transportes.

A UTE formada polas empresas Moncosa e Fechi xa leva varias semanas traballando no terreo, centrada na parte menos vistosa da obra, a que fai referencia á reposición das tubaxes de varios servizos que cruzaban transversalmente a rúa e que se atopaban en mal estado, polo que se aproveitou este proxecto para actuar sobre elas.

Paralelamente, están tamén iniciando os traballos na fase de Cantodarea, onde xa comezaron o levantamento da antiga beirarrúa, de momento ata a altura da oficina de Abanca.

Co obxectivo de facer partícipe ao tecido veciñal deste proxecto, a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, recibíu ás representantes da Asociación Veciñal A Fonte-Estribela, para explicarlles os detalles desta obra, que se irá executando en cinco fases, nas que se actuará tanto na mellora do pavimento, redefinindo a sección transversal da vía, como na zona peonil.

Nesta zona de Cantodarea e a Praza do Regueiro, a amplitude das beirarrúas conséguese grazas ao sobreancho que existe nos aparcadoiros en batería, polo que non se eliminará estacionamento e, á vez, conseguirase unha importante mellora no tránsito de peóns, tanto para pasear como para darlle mellor calidade urbana aos comercios e locais de hostalaría que hai na zona.

Por outro lado, Sanmartín aproveitou para escoitar outras demandas da asociación, que mostrous a súa satisfacción pola realización desta obra, e así poder seguir mellorando un barrio mariñeiro e tradicional como é o de Cantodarea.