A hostalería pechará ás 01.00 horas en Noitevella

Pontevedra
28 de decembro 2021

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, anunciaba as medidas do comité clínico e sinalaba que na tarde deste martes vai manter un encontro con representantes do sector do ocio nocturno para decidir se pecha ás 03.00 horas en Noitevella ou pecha totalmente. Entre outras medidas, entre o 31 de decembro e o 18 de xaneiro, establécese un toque de "non queda" desde as 02.00 ata as 06.00 horas onde só se poderá transitar con conviventes

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade /

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, anunciaba este martes as decisións adoptadas polo comité clínico durante a xornada do luns ante o récord de contaxios e a presenza cada vez máis importante da variante ómicrom na comunidade autónoma. Desta forma, avanzou que para Noitevella a hostalería pechará ás 01.00 horas desa xornada e durante o Aninovo só poderá abrir a partir das 10.00 horas para evitar "reenganches", explicou o responsable da sanidade en Galicia.

En canto ao ocio nocturno aínda non se adoptou unha decisión. Na tarde deste martes, o conselleiro manterá un encontro con responsables deste sector para tentar chegar a un acordo e que pechen ás 03.00 horas de Noitevella. No caso de que esta opción non sexa factible, decidirase o peche dos locais de lecer durante esa noite.

García Comesaña recomendou que nas ceas e comidas deses dous días se xunte como máximo dúas unidades familiares, preferiblemente as mesmas que se reuniron durante o 24 e o 25 de decembro. No ámbito público, o límite segue sendo de oito persoas por mesa en espazos interiores da hostalería e de dez por mesa no exterior.

TOQUE DE "NON QUEDA"

Ademais das medidas especiais para estes dous días, establécese tamén un período desde o 31 de decembro ata o 18 de xaneiro con outras limitacións. Na hostalería e a restauración o peche establecerase a partir das 00.00 horas todos os días, agás venres e sábados, que sería ás 01.00 horas. Os locais de lecer nocturno pecharán ás 02.00 horas.

Tamén se establece un toque de "non queda", indicou o conselleiro, entre as 02.00 e as 06.00 horas. Isto supón que non poderán transitar polas rúas aquelas persoas non conviventes, só se poderá camiñar nesa marxe horaria de maneira solitaria ou con integrantes do núcleo familiar. A medida, explicou García Comesaña, pretende evitar concentracións nocturnas nas rúas. As medidas aínda están pendentes da confirmación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a quen se lle presentarán na mañá do mércores.

O certificado covid vai ampliarse a toda a xornada laboral na hostalería e anunciou que se incrementarán as inspeccións para comprobar que efectivamente se piden aos clientes. Se prohibe o consumo en barra en calquera contorna e nos eventos musicais masivos, o público deberá permanecer sentado, tanto en actos interiores como exteriores.

En canto ás cabalgatas de Reis, o conselleiro recomenda que se celebren en formato estático que permite un mellor control do público infantil e dos seus acompañantes para evitar grandes aglomeracións. Sobre a celebración das probas deportivas San Silvestre, típicas destas datas, García Comesaña explicou que se recomenda o uso da máscara entre os participantes e que se eviten concentracións de público durante o seu transcurso.

Insistiu no obrigatorio uso de máscara tanto no exterior como nos espazos interiores, lembrando que só se pode retirase no momento de inxerir alimentos ou beber.