A homenaxe de Noemí Montenegro á súa avoa gaña Debut 2021

Pontevedra
19 de novembro 2021

A figura da muller traballadora galega, coa súa avoa como punto de partida, é o eixo sobre o que xira a colección que triunfou no desfile Debut 2021, no que os novos titulados dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) presentaron os seus traballos finais

Desfile Debut 2021
Desfile Debut 2021 / Cristina Saiz

A figura da muller traballadora galega, coa súa avoa como punto de partida, é o eixo sobre o que xira a colección que triunfou no desfile Debut 2021, no que os novos titulados dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) presentaron os seus traballos finais.

A colección gañadora, titulada 78.17 MB, é obra de Noemí Montenegro, alumna do master en Deseño e Dirección Creativa en Moda. "Non o esperaba para nada", destacou a deseñadora tras recibir o premio, en declaracións ao Diario da Universidade de Vigo.

Explicou que a colección parte dos recordos que "por algún motivo quedaron na miña cabeza da súa forma de falar, de vestir, de como vivía o día a día, de como pasou o loito..., todas esas épocas que marcárona a ela e que dalgunha forma marcáronme a min".

Se ben a figura da súa avoa é o punto de partida dunha colección que construíu, nun contexto de pandemia, con tecidos reciclados ou doados, o seu proxecto alude tamén a unha figura "coa que moita xente pode sentirse identificada, a da muller traballadora galega".

Xunto a 78.17 MB, a colección coa que Montenegro se alzaba cun premio cunha dotación económica de 3000 euros, outorgado por Setga, o xurado de Debut 2021 tamén recoñeceu as coleccións de Bibí Cereijo e Sabela Juncal cos dous novos premios que estreaba o desfile.

A primeira foi recoñecida polo seu proxecto de fin de estudos Les Années Passent co galardón á colección con maior valor artesanal, impulsado grazas á colaboración da Xunta, a través de Artesanía de Galicia e o Xacobeo, mentres que Juncal alzouse co premio Digipress Epson á mellor aplicación en moda de técnicas de sublimación por Condominio.

Un xurado integrado por Tiziana Domínguez, directora creativa de Adolfo Domínguez; Olga Liggeri, directora xeral da revista Vanidad; Helena López de Hierro, directora do Museo del Traje de Madrid, e a consultora de moda Celeste Chipperfield, encargouse de avaliar as 21 coleccións que optaron aos tres premios do desfile.

Múltiples técnicas, motivos e influencias combináronse nunha pasarela na que puideron verse desde proxectos sustentados na impresión 3D ata creacións inspiradas no mundo acuático, nas mudanzas, nas viaxes en autobús ou no imaxinario visual asociado aos estereotipos de xénero, pasando por proxectos que tiñan como punto de partida unha cerimonia tradicional do Ecuador, a estética e as músicas do Caribe ou a iconografía asociada ao turismo de sol e praia. 

En total, puideron verse sobre a pasarela trece traballos de fin de master, os defendidos nos últimos dous cursos por Patricia Arellano, Mireia Bruguera, Lucas Cabaleiro, Javier Cuervo, Natalia Diéguez, Marta García, Denise Peña, Santiago Proaño, Alejandro Sierra, Ting Ting Hu e Sergio Villasante, xunto cos de Montenegro e Juncal.

Por outra banda, aos premios optaron tamén os últimos oito proxectos fin de estudos do título propio de Esdemga; as coleccións que presentaron María Alborés, Inés Charre, María Lázara, Candela Novoa, Naiara Gómez, Nerea Rodríguez, Noemí Vidal e a galardoada Bibi Cereijo.

O evento completouse cun segundo bloque dirixido a presentar outra serie de coleccións desenvolvidas o pasado ano por alumnado de primeiro curso do master. Así,sumados aos traballos finais, foron un total de 55 os proxectos que o estudantado de Esdemga presentou nun evento que puña fin a unha semana de actividades centradas na moda.

O desfile celebrouse no Recinto Feiral que, pola pandemia, tivo que reducir o seu aforo a 800 persoas e que puido seguirse en directo a través da rede.