O Convento de Santa Clara é o protagonista do tradicional calendario de mesa que edita anualmente o Concello de Pontevedra.
Este calendario, do que se editaron 15.000 exemplares, estará dispoñible a partir deste luns 20 de decembro na a Oficina de Turismo da Casa do Concello e nas dependencias municipais de Michelena 30, segundo confirmou o goberno local.
Nel, a modo de homenaxe cara ao fito histórico de incorporar o convento á lista de inmobles de uso público da cidade, reflíctense 24 fotografías, 12 antigas e 12 contemporáneas, nas que se repasa a historia do convento e da súa contorna.
Trátase de imaxes que mostran aspectos e momentos da vida no cenobio, desde os xardíns ao exterior pasando polos traballos diarios das monxas, como son a cabeceira da Igrexa de J.Pintos de 1915, a fachada setentrional de F. Zagala cara a 1900, o estado da rúa Santa Clara a principios do século XX ou un dos lavadoiros do convento con tres monxas tamén de Zagala. Ademais pódense atopar imaxes dos anos 40 e 60 como o xardín do convento, o enreixado das xanelas das celas, unha instantánea das monxas dirixíndose cara ao pozo e a Capela dos Anxos, ou a reforma da rúa Santa Clara do arquitecto Pons Sorolla. Por último dos anos 80 son as imaxes do Refectorio ou do lagar, situado na planta baixa do convento.
As fotos históricas forman parte do fondo gráfico do Museo de Pontevedra, mentres que a maioría das contemporáneas foron realizadas polo fotógrafo local Gustavo Santos durante unha visita no ano 2019.
Do mesmo xeito que calendario de 2021, o do próximo ano dispón dunha última páxina cun código QR que permite obter máis información sobre Santa Clara ao remitir a unha páxina web no que se poden ver as imaxes.