A guerra en Ucraína 'trunca' o crecemento dos viños Rías Baixas en Rusia

Pontevedra
09 de marzo 2022

Para o 'albariño', Rusia era un dos seus principais mercados emerxentes. Só en 2021, as 24 adegas que vendían alí os seus produtos exportaron máis de 200.000 litros de viño, un 2,14% do total. Ocupaba actualmente o posto número 11 entre os países que máis viño lles compraban. "Nos había costado mucho", subliñan, posicionarse no mercado ruso

Presentación dos datos de exportación da DO Rías Baixas en 2021
Presentación dos datos de exportación da DO Rías Baixas en 2021 / PontevedraViva

A invasión de Rusia a Ucraína, máis aló da evidente crise humanitaria que provocou, ten consecuencias económicas. Unha delas afecta directamente os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Para o 'albariño', Rusia era un dos seus principais mercados emerxentes. Só en 2021, as 24 adegas que vendían alí os seus produtos exportaron máis de 200.000 litros de viño, un 2,14% do total. Ocupaba actualmente o posto número 11 entre os países que máis viño lles compraban.

Aínda que desde o Consello Regulador de Rías Baixas entenden que non son cifras "desdeñables", afirman que a posible cancelación destas exportacións "no causará un daño muy grande" porque as vendas poderanse compensar noutros mercados en crecemento.

Así o explicou o seu presidente Juan Gil de Araújo, que presentou este mércores os datos de exportacións da DO Rías Baixas durante o ano 2021, xunto a Ramón Huidobro, secretario xeral deste organismo regulador.

Huidobro si manifestou que "nos preocupa" o que está a suceder en Rusia e Ucraína -país este último onde exportan 13 adegas pontevedresas-, especialmente porque a Rías Baixas "nos había costado moito" posicionarse en ambos os mercados.

Abrirse oco nun mercado como o ruso, explicou, "tiene un coste elevadísimo" e máis para viños como os de Rías Baixas que teñen un prezo medio superior á media. "Que el consumidor sea capaz de entenderlo no es fácil", subliñou.

UN TERZO DA PRODUCIÓN XA SE VENDE NO EXTERIOR

O impacto da guerra en Ucraína reflectirase, en todo caso, nas cifras de exportacións de 2022 pero, mentres tanto, Rías Baixas presume do récord que alcanzaron as vendas no exterior en 2021. Un terzo de toda a súa produción xa se consome en mercados internacionais.

As 109 adegas que venden os seus viños fóra de España lograron comercializar case 9,5 millóns de litros de viño, un 16,97% máis que o ano anterior. Estas vendas reportaron uns ingresos de 56,2 millóns de euros, o que supón un 27,43% máis que en 2020.

Vendéronse un total de 12,6 millóns de botellas de viño Rías Baixas no exterior, que alcanzaron un prezo medio de 5,93 euros fronte aos 5,44 euros do exercicio anterior.

Á vista destes datos, o Consello Regulador entende que se superaron os "peores momentos" de tres situacións "que hemos afrontado bien": o 'Brexit', os aranceis impostos por Donald Trump en Estados Unidos e a pandemia.

Estados Unidos e Reino Unido, que superan amplamente o limiar dos dous millóns de litros de viño adquiridos, son os dous maiores mercados da DO Rías Baixas.

Seguen Porto Rico, Irlanda e Países Baixos, aínda que os maiores incrementos rexistráronse en Suíza e México, que están entre os dez países máis importadores. Canadá, Alemaña e Suecia completan a lista dos dez principais mercados para os viños pontevedreses.


Para 2022, eliminadas todas as accións promocionais previstas en Rusia, Rías Baixas centrará os seus esforzos noutros mercados como República Dominicana ou Polonia, ao mesmo tempo que manterá a súa presenza nos seus principais destinos de exportación.

Iso si, segundo Huidobro, sen descoidar o mercado "natural" dos viños Rías Baixas, o mercado galego e español, ao entender que sería un "error" desatender a demanda nacional para crecer fóra "porque supondría debilitar nuestra posición".

Arquivado en