A gripe chegou antes este outono e xa está activo o plan de continxencia que prohibe acompañantes en Urxencias

Pontevedra
14 de novembro 2022

José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, presentaba este luns este plan que conta con catro fases dependendo da porcentaxe de pacientes que estean pendentes de hospitalización. En Urxencias só menores e dependentes poderán contar cun acompañante para evitar masificacións e contaxios. Agárdase que dentro de catro semanas, arredor das festas de Nadal, aumente o número de persoas afectadas pola gripe

Javier Paz, Yolanda Sanduende, José Flores e Marta Ocampo explicaron o Plan de Continxencia ante os virus respiratorios
Javier Paz, Yolanda Sanduende, José Flores e Marta Ocampo explicaron o Plan de Continxencia ante os virus respiratorios / PontevedraViva
Plan de continxencia ante os virus respiratorios para os vindeiros meses /

Espérase que dentro de catro semanas, ao redor das festas do Nadal, os casos de gripe durante este ano alcancen o nivel máis elevado. Esta gripe chegou antes do que era habitual nos anos previos á pandemia e que, segundo os datos rexistrados no hemisferio sur, espérase que sexa máis transmisible, sobre todo afectando a poboación infantil, pero non se agarda un maior número de casos graves nin cunha maior mortalidade respecto ao ano 2019.

Na actualidade hai 15 pacientes ingresados por gripe na área sanitaria e nos datos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) rexístranse nas últimas semanas 186 casos, de gripe A na súa maioría, dos que 50 conlevaron ingreso en planta.

José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, presentaba este luns o Plan de Continxencia, que desde esta xornada entra en vigor, para facer fronte aos virus respiratorios durante os próximos meses. O xerente acudía ante os medios acompañado por Javier Paz, xefe do Servizo de Medicina Preventiva; Yolanda Sanduende, directora Médica do CHUP; e Marta Ocampo, directora de Atención Primaria.

Este plan contempla catro fases dependendo do número de pacientes que se atopen pendentes de hospitalización en Urxencias con motivo de contaxios destes virus respiratorios. No caso de maior impacto, cando se supere o 12% de pacientes nese estado, está previsto que se incrementen as camas, se dote de máis persoal, sobre todo de enfermería ao servizo de Urxencias e tamén se reprogramarán as operacións cirúrxicas agás as de prioridade uno e as oncolóxicas. 

Tamén se prohibirá a presenza de acompañantes en Urxencias, salvo que se trate de menores ou de dependentes, co objetvio, explicou José Flores, de evitar a masificación neste espazo e, ao mesmo tempo, posibles contaxios. Tampouco se establecerá unha planta destinada a pacientes COVID, como en anos anteriores, e compartirán habitación aqueles pacientes que se atopen afectados polo mesmo tipo de virus.

IMPORTANCIA DA VACINACIÓN

O doutor Javier Paz indicaba que a curva de casos de infección por gripe está a crecer e a principal variante detectada é a H3n2, que non deixou de circular durante o verán, onde tamén se rexistraron casos. Explicou que esta variante é moi parecida á incluída nas vacinas que se están administrando e, por tanto, facilitará o seu control. En todo caso sinalou que existen dous factores principais na trasmisión como é a posible aparición doutra variante e o clima: se é frío e seco transmítese mellor mentres que se é quente e húmido, peor. "Se segue circulando esta cepa, baixará a incidencia cos índices de vacinación", explicou.

Na área de Pontevedra, case o 60% dos maiores de 65 anos xa foron vacinados da gripe. Con todo, o número de menores vacinados con idades comprendidas entre os 6 meses e os cinco anos é baixo: só o 18,55%. Insistiron na importancia da vacina para evitar a transmisión dos virus entre diferentes xeracións da poboación.

En relación coa Covid-19, os responsables sanitarios indicaron que non está prevista unha nova onda durante os próximos meses e a nova cepa de Omicrom, a BQ 1.1, preséntase como máis transmisible pero non máis grave. En todo caso, Javier Paz matizou que a mortalidade da gripe nunca foi máis elevada que a do covid e que as medidas adoptadas para evitar a transmisión da pandemia foron "moi eficaces" para evitar tamén a transmisión da gripe. Actualmente hai 17 pacientes ingresados na área sanitaria por covid.

TEÑO SÍNTOMAS, QUE DEBO FACER?

José Flores trasladou unha mensaxe de tranquilidade #ante as previsións de virus respiratorios durante os próximos meses e aconsellou o autotratamiento ante a aparición de síntomas menores coa posibilidade de consultar ao 061 en caso de dúbida e en caso de calquera síntoma de alarma recomendou acudir a Atención Primaria e non aos servizos de Urxencia para evitar saturacións.

Lembrou tamén que a sintomatoloxía da gripe está a ser con febre alta e duradeira, con sensación de cansazo e falta de apetito. Ademais recomendou a vacinación contra a gripe. Javier Paz insistiu en que a vacina non produce a gripe aínda que si pode xerar unha reacción do sistema inmunitario de tipo leve pero molesta. Explicou tamén que os anticorpos tardan ao redor de catro semanas en actuar e, por tanto, os efectos da vacina non son inmediatos.