A gastronomía pontevedresa exhibe o seu potencial no arranque do FERVE Estrella Galicia

Pontevedra
16 de setembro 2022

Os fogóns do FERVE Estrella Galicia xa traballan ao pleno rendemento. Cunha xornada centrada na gastronomía local comezou este festival, que aúna na Alameda o bo facer de 27 cociñeiros con música e actividades relacionadas coa cultura cervexeira

Primeira xornada do FERVE Estrella Galicia na Alameda
Primeira xornada do FERVE Estrella Galicia na Alameda / Mónica Patxot

Os fogóns do FERVE Estrella Galicia xa traballan ao pleno rendemento. Cunha xornada centrada na gastronomía local comezou este festival, que aúna na Alameda o bo facer de 27 cociñeiros con música e actividades relacionadas coa cultura cervexeira.

Cun brinde por parte das autoridades, entre elas o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, arrancou un evento que se estenderá ata o vindeiro domingo cunha ampla programación.

Fíxoo co brioche de boi e mexillón de Rubén González (El Cafetín), os mexillóns en escabeche de laranxa de Marta García (Meigas Fóra), os tacos de millo branco con xarrete estufado de Vicente Tortajada (A Culpa da Gula) e o guiso mariñeiro de Marta Santiago (A Fervella).

Estes foron o primeiros catro petiscos de autor que puido degustar o público, a prezos populares e acompañados polas diferentes cervexas da familia Estrela Galicia.

A música de Baiuca, que actuou no escenario habilitado no recinto do festival xa en horario nocturno, puxo o broche de ouro a esta primeira xornada.

As cociñas volverán acenderse mañá sábado, desde as 12:30 horas, con Diego Guerrero (DSTAgE, Madrid), Pepe Solla (Casa Solla, Poio), Juliano Valese (Toureiro Valese, Brasil), Xanty Elías (Leira Alfoliz, Aljaraque), Carlos Gea (Living, Vigo) e Héctor López (España, Lugo).

López protagonizará ademais un showcooking con produtos de Galicia Calidade, tamén ás doce e media do mediodía, e o concerto matinal será de Guadi Galego (13:30 horas).

Pepe Solla, acompañado de Pedro Revilla, investigador da Misión Biolóxica de Pontevedra, e Ana Lage, meteoróloga en Meteogalicia; compartirán a primeira das charlas FERVE Talks, moderadas pola xornalista Teresa Cuiñas, que versará sobre gastronomía e ciencia.

Tras esa sesión das 11:30 horas, as charlas regresarán xa pola tarde, ás 19:30, cunha mesa redonda sobre comedores comunitarios, a cargo de Javi Olleros, Xanty Elías, Javier R. Ponte “Taky”, Yayo Daporta e Libia Estévez cociñeira do CEIP A Paz Tintureira (Vigo).

A partir das 20:30 horas regresarán os petiscos de autor con Javier Olleros (Culler de Pau, O Grove), Adrián Felípez (Miga, A Coruña), Javier R. Ponte "Taky" (Cátering Boketé, Cambre), Lydia del Olmo e Xosé Magalhães (Ceibe, Ourense), Yayo Daporta (Yayo Daporta, Cambados), Alejandra Herrador e Emanuel Carlucci (Atalaia, Castelló) e Víctor Martín (Trigo, Valladolid).

Unha dobre sesión musical con Marilia Monzón (22:00 horas) e a Banda de Late Motiv (23:15 horas) amenizarán a parte final deste segundo día de FERVE.