A Garda Civil investiga penalmente a 7 persoas integrantes dun grupo de mariscadores furtivos

Pontevedra
26 de decembro 2018

Durante o ano 2017 se lles incautaron 1.620 quilogramos de ameixa. Tásanse en preto de 13.000 euros os danos e prexuizos causados. Se lles acusa de ser autores de delitos relativos á protección da flora e a fauna, contra a saúde pública e falsificación documental

Embarcación dos furtivos
Embarcación dos furtivos / Guardia Civil

A Garda Civil lograba desarticular un grupo organizado de furtivos que se dedicaba a extraer ameixas de maneira ilícita nos bancos marisqueiros situados nas rías de Pontevedra e de Vigo. Utilizaban, en ocasións, embarcacións con matrícula falsa para evitar a súa identificación e actuaban en bancos que pertencen ás confrarías de pescadores.

Dentro da operación 'Tivo', desenvolta por efectivos do Seprona da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, compróbase que este grupo de mariscadores furtivos está formado por, polo menos, sete persoas. O grupo actuaba de forma coordinada, mentres uns extraían ameixas; outros realizaban un traballo de vixilancia para evitar que os Gardapescas Marítimos das Confrarías de Pescadores e os axentes de vixilancia das distintas forzas policiais puidesen localizalos.

No ano 2017, levantáronse 132 actas-denuncia por marisqueo furtivo contra este grupo, que superaba as cotas máximas autorizadas. Chegaron a realizar capturas de 306 quilogramos de ameixa extraídas nun só día, cando a media autorizada pola Xunta sitúase en 8,75 quilos por mariscador e día autorizado. 

Mesmo, os axentes chegaron a detectar a algunhas das persoas investigadas realizando esta actividade ata cinco veces nunha soa xornada de traballo.

Atendendo a estas denuncias e á cantidade de molusco intervido, a Garda Civil deduce que existe un posible ánimo comercial na acción ao entender que estas cantidades non van destinadas ao autoconsumo. As autoridades calculan que durante 2017 interviñéronselles 1.620 quilos de ameixa e establécese en 13.000 euros os danos e prexuízos económicos causados á Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra.

A maioría das 7 persoas investigadas pertence ao municipio de Poio. Acúsaselles de delitos relativos á protección da flora e a fauna, por realizar actividades de marisqueo relevantes e tamén foron investigados penalmente dous integrantes do grupo por un presunto delito contra a saúde pública, ao dar positivas en concentración de toxinas as mostras obtidas das ameixas que lles foron comisadas cando realizaban a extracción ilícita en Acuña, no  concello de Vilaboa. Esa zona está clasificada como  C e está prohibida a extracción de molusco ante a alta concentración de toxina.

A Garda Civil sinala tamén que grazas á colaboración dos Gardacostas de Galicia e os Gardapescas Marítimos da Confraría de Pescadores San Telmo logrouse intervir unha das embarcacións con matrícula falsificada, que utilizaba este grupo de furtivos. Esta incautación permite imputar tamén a tres dos investigados un delito de falsidade en documento oficial. É a primeira vez que a Garda Civil aplica o Código Penal nun caso de furtivismo en Pontevedra.