A Garda Civil de Tráfico entrega folletos informativos durante os Mundiais de Tríatlon: 'Na bici usa as pernas e a cabeza!'

Pontevedra
29 de abril 2019

Este luns, os axentes entregaban estes trípticos informativos elaborados en inglés e en castelán aos ciclistas que entrenaban na Nacional 550. Entre outras recomendacións, aconsellan o uso do casco e de prendas reflectantes e alertan da prohibición de usar auriculares mentres se circula

Axente da Garda Civil informa a ciclistas na N-550
Axente da Garda Civil informa a ciclistas na N-550 / Guardia Civil de Pontevedra

Esta semana na que se están celebrando os Mundiais de Tríatlon en Pontevedra, patrullas do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra levan a cabo unha campaña informativa coa entrega de folletos aos ciclistas. Este luns, os axentes realizaban este labor na Nacional 550 ofrecendo recomendacións aos usuarios da bicicleta que están adestrando as probas do ITU Multisport. 

O folleto leva por título 'Normas e recomendacións para usuarios da bici. Protéxete' e recomenda aos usuarios que na bici usen as pernas e a cabeza. Estes trípticos están elaborados en inglés e en castelán. 

Aos ciclistas lémbraselles que son condutores e por tanto, non deben circular polas beirarrúas. Piden, entre outras cuestións, que se eviten comportamentos temerarios. En vías urbanas sen carril bici, piden aos ciclistas que circulen ao bordo dereito da calzada ao mesmo tempo que se lles lembra que deben ceder o paso cando viren para entrar noutra vía e haxa peóns cruzando. Tamén se indica que a circulación en paralelo é legal nas estradas españolas.

Alertan, ademais, sobre a prohibición do uso de auriculares mentres se circula e a necesidade de utilizar o casco de protección para a cabeza.

Nos folletos tamén se fai referencia aos condutores, insistindo no mantemento da distancia de 1,5 metros polo menos para adiantar aos ciclistas. Lémbraselles, ademais, que deben sinalizar as manobras nos vehículos e manter un especial coidado porque os ciclistas son usuarios da vía especialmente vulnerables.