A Garda Civil constata que os furtos descenderon un 80% na Festa do Albariño este ano

O Salnés
07 de agosto 2019

A Garda Civil, en estreita colaboración coa Policía Local, puxo en marcha un dispositivo de seguridade cidadá con ocasión da última edición da Festa do Albariño, que congregou a máis de 200.000 persoas  

Policía municipal e Guardia Civil en Cambados
Policía municipal e Guardia Civil en Cambados / Guardia Civil

A Garda Civil de Pontevedra constatou que durante a Festa do Albariño de Cambados deste ano rexistrouse un importante descenso nas infraccións penais, que se notou en especial nos furtos, cun 80 % de furtos menos que o ano pasado.

Segundo a información facilitada, este ano denunciáronse 14 delitos de furto, 66 menos que en 2018.

A Garda Civil, en estreita colaboración coa Policía Local, puxo en marcha un dispositivo de seguridade cidadá con ocasión da última edición da Festa do Albariño, que congregou a máis de 200.000 persoas.

No transcurso deste operativo no que participaron efectivos das distintas especialidades da Garda Civil (Seguridade Cidadá, Seprona, Patrulla Fiscal e Fronteiras e Servizo Cinológico) identificaron a preto de 1.000 persoas en máis das 400 actuacións.

Entre as actuacións máis relevantes destacan a detención do presunto autor dun suposto delito contra a saúde pública (tráfico de drogas) e a identificación do presunto autor de tres delitos de subtracción de vehículo de motor e un delito de roubo con violencia e intimidación.

Ademais. tramitaron 221 denuncias administrativas, das cales 142 están relacionadas coa tenencia ou consumo de drogas na vía pública. A cifra supón un incremento con relación ás 120 que se rexistraron o ano pasado polo mesmo concepto.

Tamén se tramitaron 15 denuncias polo incumprimento dos horarios de peche e o resto foron por distintas condutas tipificadas como infracción na Lei Orgánica 4/2015, tales como alteracións da orde, desobediencias, tenencia de armas e consumo de alcol por menores.

A Garda Civil e a Policía Local de Cambados tamén recuperaron unha importante cantidade de efectos extraviados na vía pública, sobre todo teléfonos móbiles, que se atopan depositados nas dependencias de ambos os Corpo de Seguridade.