A Garda Civil celebra a súa patroa confirmando que a provincia é segura

Pontevedra
12 de outubro 2015

O subdelegado do Goberno, Antonio Coello, destacou o labor dos 1.466 axentes da Comandancia de Pontevedra, onde se desenvolveron os actos do Día do Pilar durante o mediodía deste luns 12

Desfile na comandancia da Garda Civil o Día do Pilar / PontevedraViva

A Garda Civil celebrou na comandancia de Pontevedra o día da patroa, a Virxe do Pilar, cun acto no que participaron numerosos visitantes ata o punto de que tiveron que aparcar na rotonda do Parque de Bombeiros e na zona de estacionamento do centro comercial da Barca.

O acto contou coa presenza do subdelegado do Goberno, Antonio Coello; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o comisario da Policía Nacional, Manuel Bouzas; o xeneral xefe da Brilat, Luís Cebrián e o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez, entre outras autoridades.

Durante o evento outorgáronse os distintivos ao mérito a diferentes axentes do corpo do mesmo xeito que a representantes doutras institucións, como a Policía de Portugal por diferentes labores realizados durante os últimos meses. Entre os galardoados destacou a entrega da cruz da orde con distintivo vermello, máxima distinción, ao cabo primeiro Manuel González e a José Manuel García Sueiro por rescatar a unha moza que se afogaba na praia de Samil e, no outro caso, por salvar de morrer entre chamas a unhas mozas que circulaban nun vehículo que era perseguido por unha patrulla da Garda Civil. Tamén recibiu, durante a misa previa, unha medalla de damas do Pilar, Carmen Redondo, nai e esposa de garda civís.

O coronel da Garda Civil de Pontevedra, Miguel Estévez, suliñou a seguridade que se rexistra na provincia a pesar de ser un ano complicado polos sucesos de Moraña, co asasinato das dúas nenas de 4 e 9 anos; e de Arbo, no que faleceron dúas persoas a mans presuntamente da expareja da muller que, en poucas horas, era detido. O coronel destacou a colaboración con outras forzas do Estado para garantir a seguridade sobre todo nos meses de verán cando aumenta a poboación nas Rías Baixas. Estévez mostrouse satisfeito pola desarticulación da banda de Val Miñor, de orixe albanesa, que roubaba en vivendas da provincia e realizou unha petición final, a mellora de numerosos acuertelamentos da provincia.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, tivo palabras para os 1.466 axentes que forman parte da comandancia pontevedresa e destacou a importancia da modernización dos medios que empregan. Destacou a operación 'Boyardo', coa desarticulación dunha organización criminal dedicada ao roubo con forza en vivendas, á que se lles atribúen 46 roubos e furtos en toda a provincia; a operación 'Telleira', que esclareceu os dous homicidios na localidade de Arbo. E, por último, tamén se referiu á operación 'Peixe', que terminou coa interceptación dun barco con 20 toneladas de haxix e a detención de 11 persoas despois de catro anos de investigación. Coello tamén quixo atribuir á Virxe do Pilar que os ceos estiveran despexados durante esta celebración.

O acto concluíu cunha ofrenda floral e un desfile, ante os aplausos do público asistente, no que se mostraron algúns dos vehículos que utiliza a Garda Civil nas súas operacións.

Arquivado en