A Gala Solidaria de Curro recollerá alimentos para a Fundación Amigos de Galicia

Barro
08 de xuño 2022

Unha gran parte desta irá destinada a Ucraína, vía Polonia. Actuarán as Orquestras Marbella, Claxxon e La Ola ADN

Orquesta Marbella
Orquesta Marbella

A Comunidade de Montes de Curro e Salnés Espectáculos organizan este domingo 12 de xuño a VIII Gala Solidaria "Música por alimentos" a favor da Fundación Amigos de Galicia. 

A recollida será no propio campo da festa en Curro e consistirá na entrega voluntaria dos asistentes de 1 quilo ou 1 litro de alimentos non perecedoiros. Unha parte da recadación de alimentos que se realice durante a gala destinarase a persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social dos concellos de Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis, Meis ou Ribadumia.

Outra parte dos alimentos será enviada a Ucraína en camións que levan axuda desde Galicia vía Polonia.

Na última edición da Gala, no ano 2019, lográronse recoller preto de 19 toneladas de alimentos.

A velada comezará ás 16:30 horas coa festa infantil na que haberá inchables gratis. A partir das 17:30 comezará a música coas orquestras Marbella, Claxxon e La Ola ADN.