A fuxida frustrada do presunto asasino de Conchi

Pontevedra
25 de outubro 2015

José Antonio Lusquiños presuntamente matou a súa ex moza no cruzamento de Acevedo, colleu o coche dela e fuxiu cara ao lugar de Vilar, a varios quilómetros. Meteuse por unha pista forestal que nun momento dado se converte en intransitable, quedou atrapado e tivo que deixalo e seguir a pé. Alí supostamente tirou tamén a arma do crime. Así apareceu o coche

Coche no que escapou o presunto homicida de Ponte Sampaio
Coche no que escapou o presunto homicida de Ponte Sampaio / Diego Torrado

Herminia levantouse cedo como cada mañá e saíu a pasear ao seu can pola zona da 'carballeira' de Ameán, pero este sábado un Peugeot 205 de cor branca interpúxose no seu camiño. Reside nas proximidades, no lugar de Vilar, na parroquia de Ponte Sampaio, e coñece todos os coches dos veciños, pero ese non puido recoñecelo. Estaba atrancado, sen poder moverse nunha pequena pista de pedras e barro, e non había ninguén no interior, así que quedou estrañada, pero seguiu o seu camiño e xa non volveu pensar no intruso, allea a que acababa de cruzarse coa proba dun crime, cun elemento que agora resulta clave para determinar que pasou na madrugada do venres ao sábado a apenas uns quilómetros de alí, no cruzamento que vai de Ponte Sampaio a Acevedo, no punto no que a súa veciña Conchi Reguera Peón, de 38 anos, se converteu na quinta vítima de violencia de xénero en Galicia este ano

Cando Herminia e o seu can se toparon co Peugeot eran as oito e media da mañá. O crime produciuse ás 3.50 e aínda non fora detido o presunto autor do mesmo, José Antonio Lusquiños Bustelo, 'Coco', arrestado sobre as dez, pero a esa hora os primeiros medios de comunicación xa empezaban a facerse eco dunha noticia que correu como a pólvora en Ponte Sampaio. Conchi era moi coñecida, os seus pais tiveran durante anos o bar Pescador e ela mesmo, xunto cunha socia, rexentou o pasado verán un dos quioscos da praia fluvial, así que pouco tardou en saberse a súa morte.

Os grupos de whatsapp ardían e as rosas negras en recordo á falecida alagaban os muros de facebook, pero Herminia, de avanzada idade, non vive conectada á sociedade da inmediatez e non soubo da noticia ata varias horas despois. Ao mediodía coñeceuna, pero non asociou a morte de Conchi con aquel Peugeot. Tardaría pouco en facelo. Os coches policiais empezaron a subir cara Ameán, unha imaxe pouco habitual entre ese puñado de casas, e os veciños seguíronos, topándose todos co turismo. Xa non estaba só, senón custodiado por varios policías nacionais e así permaneceu entre o mediodía e ben entrada a noite. 

Nese momento souberon do importante do coche. Propiedade da familia da falecida, ela utilizábao nos últimos meses para desprazarse e tamén a noite do venres. Saíu ata tarde e, como facía sempre, foi ata o cruzamento para dar a volta ao coche e dirixirse xa cara á súa casa, situada encima do antigo bar Pescador dos seus pais, ao pé da ponte romana. Xa non chegou. Alí esperábaa o seu ex noivo, de 34 anos, con quen mantivera unha relación duns meses que se rompeu en agosto. Descoñécese que pasou nese momento, pero si o resultado do encontro: el presuntamente acoitelouna, deixouna tirada e fuxiu co coche dela. Un veciño viuno e un corpo á beira, así que anotou a matrícula. Tamén quixo socorrer a Conchi, pero a ferida foi mortal.

Cando a Garda Civil detívoo estaba a uns 50 metros da casa dos seus pais, na Pedreira, en Soutomaror, tratando de fuxir por unhas leiras. Como chegou ata alí se non tiña coche? Fuxiu do lugar do crime co coche, dirixiuse cara Vilar, meteuse por unhas pistas intransitables e, de súpeto, o coche quedou atrapado na carballeira de Ameán. Alí deixouno tirado e, segundo el mesmo recoñecería horas máis tarde, tirou tamén na zona, ao principio da pista forestal, o coitelo utilizado no crime. 

Faltaban poucos minutos para as dez da noite cando o Peugeot abandonaba a súa pista. Atrás quedaban dez horas de especulacións e tamén de investigación. Os axentes da Policía Científica analizaron ao milímetro o turismo e recolleron todo tipo de probas, ata que se considerou que non daba máis de si e podia retirarse da zona. Faltaba por localizar o coitelo, pero o coche xa non era necesario que permanecese alí. 

Retiralo non foi tarefa sinxela, pois estaba atrancado e dous guindastres distintos tiveron que irse sen levalo. Finalmente, fíxose cargo do mesmo o cuñado de Conchi. Visiblemente afectado pola perda, chegou a Ameán ao redor das sete da tarde. Pouco despois chegaron varios sobriños da falecida e entre todos xestionaron co seguro a retirada. A escasa iluminación do lugar complicou as tarefas.

A investigación ten que determinar agora os movementos do detido desde que deixou o coche ata que foi detido en Soutomaior, pois hai varios quilómetros de distancia e ningunha testemuña viuno, e tamén o ocorrido no cruzamento de Acevedo. As probas realizadas descartaron que estivese baixo os efectos do alcol e as drogas, pero queda por saber o resultado do exame que lle realizaron á primeira hora da tarde forenses do Institudo de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e tamén a autopsia practicada á falecida. 

'Coco', que ata hai pouco máis dun mes traballaba de camareiro, pero agora está en paro, pasará este domingo a disposición xudicial e poucos datos transcenderon da investigación realizada ata o momento, pero si que a falecida nunca o denunciara por malos tratos, aínda que si que tivera unha denuncia previa doutra parella. Con Conchi tivo problemas, os seus achegados sospeitan que tivo algo que ver co incendio que o 16 de outubro calcinou o quiosco da praia e lembran con reservas outro incidente de finais de agosto: el precipitouse por un desnivel en Acevedo co coche dela, un Peugeot 206 que non puido volver utilizar e por iso este venres, cando faleceu, ía no da súa irmá.