A Universidade de Vigo xa ten decidido o uso que lle dará aos case 1.200 metros cadrados que, distribuídos en catro plantas, terá no edificio da antiga delegación da Xunta en Benito Corbal, unha vez estea remata a súa reforma. Está previsto que se poida usar a principios de 2019.
O proxecto do que será a sede institucional do Campus Crea S2i foi abordado nunha xuntanza que mantivo este martes o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o novo reitor da universidade, Pachi Reigosa.
Así, segundo avanzou Reigosa, o plan de usos por parte de institución académica abrangue espazos destinados á docencia, ao emprendemento e á cultura.
A colaboración da Xunta de Galicia "vainos permitir ter un espazo para achegarnos á sociedade e estar moito máis presentes na cidade", destacou o reitor antes do inicio dunha reunión que, como explicou o vicepresidente da Xunta, tiña como obxectivo "pechar definitivamente" o que vai ser o edificio de Benito Corbal na parte que se dedica á universidade.
Rueda expresou nese senso o seu desexo de que eses usos que á universidade dará a un edificio contribúan a facer deste un "edificio emblemático" que sirva tamén "buque insignia" do labor que a institución académica desenvolve na cidade.
A este respecto, Pachi Reigosa avanzou que a proposta final ten "pequenos cambios" sobre a anterior, definindo un espazo "moito máis flexible" que permitirá usos relativos á docencia, á investigación e a innovación e tamén á formación permanente, "que é unha inquedanza que temos como equipo reitoral".
Concretamente, segundo os responsables da universidade, a quinta planta estará destinada á área de cultura, articulándose en "dous grandes espazos", orientados á divulgación da cultura en todas as súas expresións "que poidan combinarse como un grande espazo global", a través dun tabique móbil e aos que se suman as áreas de recepción e almacenaxe.
A área académica será o eixo da sexta planta, onde se distribúen diferentes espazos de traballo máis reducidos pensados para 25 ou 30 persoas, xunto con zonas de xestión, salas de reunións e unha sala de videoconferencias, "xa que un obxectivo importante é ofrecer formación continua e formación online".
O emprendemento e captación de talento centrarán os contidos da sétima planta, que contará cun espazo aberto con zonas de traballo polivalentes "que permitan reaxustarse se nun determinado momento hai que facer un traballo de forma colectiva ou un coworking".
Para iso, este espazo dotaríase tamén dun tabique móbil, así como dunha sala de reunións é un espazo con dobre altura, que a conecta co oitavo andar, o destinado especificamente ao Campus Crea S2i.
Esta planta acollerá a área de dirección e coordinación do proxecto de especialización, xunto con "espazos polivalentes" que contribúan a unha formación "moito máis aberta e individualizada de todos os alumnos", así como unha área de virtualización destinada á elaboración de "material online" por parte da comunidade universitaria.