A futura residencia de Amencer-Aspace no Centro Sur vai tomando forma

Pontevedra
06 de maio 2022

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou as obras, que poderían estar rematada a finais de ano para comezar coa instalación do mobiliario

Visita do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ás obras do Centro Sur de Campolongo
Visita do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ás obras do Centro Sur de Campolongo / Concello de Pontevedra

A residencia para persoas con parálise cerebral que se situará no edificio Centro Sur comeza a ser unha realidade material e visible. Así queda demostrado logo da visita realizada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, en compañía da concelleira de Réxime, Anabel Gulías, ás obras que continúan o seu programa.

Na visita, o rexedor puido coñecer de primeira man o estado da reforma, que "avanza a bo ritmo" segundo as súas propias palabras que lle puideron transmitir os técnicos e traballadores da mesma sobre o terreo, e que xa mudou todo o interior do edificio, achegando a idea de que máis pronto que tarde o proxecto finalizará e posibilitará a creación "do maior centro social da cidade", en palabras de Fernández Lores.

"Este é un equipamento necesario, pois xa sabemos que hai persoas que precisan de coidados e atención e contan cunha avanzada idade, e os propios pais xa non poden atendelos como podían. Merecen unha alternativa, e esta residencia será un equipamento imprescindíbel para Pontevedra", explicou o rexedor. "A obra está indo bastante ben malia as dificultades que toparon os técnicos no edificio, como as humidades, o que derivará nalgunha obra menor a maiores da prevista no orzamento inicial, pero a finais de ano a parte de Amencer estará dispoñíbel para que poida ser dotada de mobiliario e entrar xa xente a vivir. É unha alegría e agardamos non ter ningún imprevisto".

Pola súa banda, a xerente de Amencer, Mónica Touriño, sinalou que tanto as familias como os propios usuarios que se beneficiarán da residencia están "realmente ilusionadas" e que "moitas familias poderán durmir tranquilas porque esta é a primeira preocupación que teñen cando chega ao seo familiar unha persoa con grandes necesidades de apoio: que vai pasar cando os pais non estean? Isto vén a resolver unha necesidade de moita xente, facía falta".

"Ademais, a aposta do Concello por un modelo de residencia tan novidoso, onde a propia residencia vivirá con outras entidades nun edificio é un modelo moi inclusivo, permitindo que a xente continúe a gozar dunha cidade inclusiva e accesible, e que poida seguir acudindo aos centros de día para logo facer aquí, a súa vida, nun fogar, que é o que pretendemos", engadiu Touriño.

O proxecto de reforma do edificio Centro Sur está enmarcado nos Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”. Convén lembrar que esta fase da reforma do edificio conta cun orzamento de adxudicación de 1.547.129,15 euros. As obras implican o reforzo da estrutura do edificio, habilitar accesos diferenciados para os diferentes usos, instalar un ascensor e acondicionar os dous andares destinados á residencia de Amencer-Aspace, que contará con capacidade para 32 prazas, 16 prazas por andar.