A fusión entre Cotobade e Cerdedo xera "desconfianza", segundo o PSOE, polo seu "escurantismo"

Cerdedo-Cotobade
24 de febreiro 2016

Os socialistas non se fían das intencións coas que os alcaldes de Cotobade e Cerdedo decidiron impulsar a fusión entre ambos os municipios. Aseguran non opoñerse a acordos deste tipo, pero sospeitan que os rexedores, xunto coa Xunta de Galicia, "algo traman" e que esta fusión ten "algo oculto", o que lles levaría a negociala "tan en segredo"

Santos Héctor cos voceiros socialistas en Cotobade e Cerdedo, Lina Garrido e Xoel Vázquez
Santos Héctor cos voceiros socialistas en Cotobade e Cerdedo, Lina Garrido e Xoel Vázquez / PontevedraViva

Os socialistas non se fían das intencións coas que os alcaldes de Cotobade e Cerdedo decidiron impulsar a fusión entre ambos os municipios. Aseguran non opoñerse a acordos deste tipo, pero sospeitan que os rexedores, xunto coa Xunta de Galicia, "algo traman" e que esta fusión ten "algo oculto", o que lles levaría a negociala "tan en segredo".

Son palabras de Santos Héctor, secretario xeral do PSdeG-PSOE en Pontevedra, que analizou o anuncio da fusión entre Cotobade e Cerdedo nunha rolda de prensa na que estivo acompañado dos portavoces socialistas en ambos os concellos, Lina Garrido e Xoel Vázquez respectivamente.

Todos eles entenden que unha decisión "tan importante" para o futuro dos dous concellos debería ser tomada no seo da corporación municipal e buscando o "máximo consenso posible" e non por dous alcaldes que "de forma individual" negociaron a fusión "de costas aos veciños".

Tanto Lina Garrido como Xoel Vázquez sinalaron que o proceso iniciouse sen que os veciños tivesen "noticia algunha", algo que segundo a portavoz do PSdeG-PSOE en Cotobade xerou "desconfianza" no municipio cara a esta fusión debido ao "total escurantismo" co que se tramitou ata agora.

Ademais, Xoel Vázquez mostrouse aínda máis crítico ante esta decisión e lamentou que a fusión é un "monumento á incompetencia" do goberno do PP e á súa "pésima xestión" no municipio nos últimos 30 anos.

Por iso, desde o partido socialista esixiron aos alcaldes de Cotobade e Cerdedo que informen "con claridade e transparencia" sobre este proceso e presenten un plan "claro" do que supoñerá esta fusión para ambos os municipios.

Segundo Santos Héctor, esta medida é unha "fantochada" de Alberto Núñez Feijóo e enmarcou este proceso nunha "operación cosmética" do presidente da Xunta que busca así "maquillar a mala xestión e a súa nula atención aos concellos galegos".