A fusión dos rexistros da propiedade de Ponte Caldelas e Redondela foi este mércores protagonista do pleno no Parlamento de Galicia a través dunha pregunta presentada polo grupo parlamentario socialista. Para presenciala e amosar o seu rexeitamento a esta medida, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, acudiu ao Pazo do Hórreo en Santiago de Compostela.
O alcalde denuncia a "incerteza" que se abre con esta fusión da demarcación rexistral. O decreto elaborado polo Ministerio de Justicia sobre este particular prevé que as oficinas continuarán abertas, pero Andrés Diaz destaca que o rexistro de Ponte Caldelas pasa a depender funcionalmente de Redondela, de modo que non pode descartarse un peche no futuro e que os veciños teñan que acabar desprazándose para os trámites relacionados coas súas propiedades inmobiliarias.
Na súa opinión, tanto o servizo como as tres persoas que traballan nas dependencias pasan a estar nunha "situación de provisionalidade" e mesmo existe a posibilidade de despedimentos entre o cadro de persoal a causa desta fusión.
Andrés Diaz recorda que o rexistro está moi arraigado na localidade e que o Concello de Ponte Caldelas aprobou unha moción unánime o pasado mandato municipal co obxectivo de frear esta decisión.
Ao respecto, chama a atención sobre o feito de que "agora o PP está moi caladiño porque todo o que teña que ver con Ponte Caldelas quéimalles nas mans" e critica o "pasotismo" da Xunta de Galicia, e especialmente do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, que "lava as mans neste asunto".
O rexistro de Ponte Caldelas é o único que se elimina na provincia e Andrés Diaz considera que é un recorte "inxustificado" que, ademais, non ten sentido no contexto actual de crecemento poboacional.