A Fundación Juan XXIII e o centro Príncipe Felipe, unidos nunha xornada de traballo polo Día da Árbore

Pontevedra
21 de marzo 2017

Coincidindo co comezo da primavera e o Día da Árbore, alumnos con discapacidade da Fundación Juan XXIII e o centro de educación especial Príncipe Felipe comparten este martes unha xornada de traballo conxunto na mellora e acondicionamento da praza Amalia Álvarez

Colaboración da Fundación Juan XXIII e Príncipe Felipe polo Día da Árbore
Colaboración da Fundación Juan XXIII e Príncipe Felipe polo Día da Árbore / PontevedraViva

Acompañados por un tempo agradable, desde moi cedo esta mañá persoas con discapacidade da Fundación Juan XXIII e o centro de educación especial Príncipe Felipe compartían unha xornada de traballo na que cooperaron na plantación de varias árbores e na mellora do axardinamento da praza Amalia Álvarez, preto da rúa Filgueira Valverde.

Coincidindo co arranque da primavera, as dúas entidades elixiron o Día da Árbore para poñer o punto simbólico de inicio a esta colaboración porque a xardinería "é algo que nos une". Segundo Amelia Otero, directora do centro Príncipe Felipe, a xardinería é o que máis se demanda, préstase un servizo en beneficio dun espazo público e ao mesmo tempo serve como unha forma de "facer visible" que son persoas válidas para o traballo, constantes e responsables. 

A actividade deste martes permitíalles fortalecer amizades, ir coñecéndose e tamén a posibilidade de compartir información, xa que despois do traballo na praza terán un coloquio na Fundación Xoán XXIII, un momento de conversación na que os alumnos do ciclo de formación profesional poderán compartir cos traballadores do centro especial de emprego as súas inquietudes sobre o futuro laboral que lles espera.

Diego Chapela, director xerente da Fundación, explica que aínda que xa se realizaron varios encontros entre os dous centros, esta é a primeira vez de traballos reais, e espera que sexa o comezo de colaboracións futuras. Para Amelia Otero poder atopar unha empresa cooperativa ou unha fundación onde os alumnos poidan traballar é quizá o máis difícil, de aí a importancia de que a Fundación Juan XXIII acolla as prácticas para os alumnos do ciclo de Formación profesional básica de Xardinería.

Plantando enredadeiras e novas árbores, en concreto seis castaños de india segundo Diego para substituír aos que se secaron, cortando o céspede ou rozando, estes alumnos colaboraron para volver poñer "a punto" este espazo tan transitado polos veciños da zona e que a pesar de inaugurarse hai só ano e medio xa mostraba signos de deterioración. Para un veciño, o labor que levan a cabo é "moi positivo" e segundo el, tería que haber moito máis disto. 

Tamén acudiu convidada a concelleira de Benestar Social Municipal, Carme Fouces, que falou da aposta do concello pola integración laboral e social das persoas con discapacidade. "Que mellor día que este", comentaba "que é o Día da Árbore e o Día da Síndrome de Down" como unha "dobre celebración" do traballo a favor da integración laboral de persoas con discapacidade que levan a cabo estas dúas entidades.