A Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Xunta de Galicia seguen a afondar na súa colaboración para impulsar a xestión eficaz dos bens mobles comisados en delitos de narcotráfico en Galicia. Este martes, deron un novo paso ao renovar o convenio anual que manteñen desde o ano 2015 para facer realidade estas tarefas.
O director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín, e o presidente da Fundación, Manuel Antonio Couceiro, asinaron o convenio nun acto na sede da entidade en Vilagarcía ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez.
En virtude deste convenio, a Xunta achega 15.000 euros que se destinan a prestar información e apoio aos xulgados galegos cun servizo especializado na xestión, depósito e venda anticipada dos bens mobles incautados ao narcotráfico.
Trátase, tal e como lembrou o director xeral de Xustiza, dun servizo pioneiro en Galicia e España, o único que ofrece conxuntamente depósito e realización anticipada de bens para axudar ás unidades xudiciais e forzas de seguridade na xestión dos patrimonios incautados.
O presidente da Fundación agradeceu o "compromiso e apoio" da Xunta e destacou que o servizo funciona con eficacia, ofrecendo resultados concretos e solucións ás necesidades de xulgados e forzas de seguridade, todo iso a pesar das complicadas circunstancias actuais.
Segundo os datos facilitados pola FGCN, o valor dos activos xestionados polo servizo desde a súa creación en 2015 supera xa os 300.000 euros. Entre os anos 2016 e 2020 xestionáronse 94 bens comisados, entre os que destacan turismos, camións e motocicletas.
Os bens obxecto do servizo consisten principalmente en vehículos, embarcacións, equipos informáticos e de telecomunicacións, caracterizados polo seu rápido deterioro e perda de valor que se venden ou asignan, en determinados supostos, a causas sociais. No período 2016-2020, recibíronse peticións de 26 entidades para uso social.
Couceiro lembrou que unha das principais motivacións da Fundación para a creación do servizo é a exemplaridade fronte aos narcotraficantes, pois "permite privalos dende o primeiro momento do goce de bens mercados con diñeiro da droga".
O servizo de xestión de bens comisados é coordinado pola Fundación en colaboración co Colexio de Procuradores da Coruña, entidade especializada para a venda anticipada en cuxas dependencias se depositan os bens mentres se realizan as xestións para a poxa autorizada pola autoridade xudicial.