A Fundación Galega contra o Narcotráfico alerta na súa gala sobre a escalada do tráfico de drogas

O Salnés
29 de abril 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, asistiu á gala anual no Auditorio de Vilagarcía onde se entregaron os Premios Nécora de Ouro

José Tronchoni, Diego Calvo e Manuel Couceiro na gala da Fundación Galega contra o Narcotráfico
José Tronchoni, Diego Calvo e Manuel Couceiro na gala da Fundación Galega contra o Narcotráfico / Xunta de Galicia

A gala anual da Fundación Galega contra o Narcotráfico celebrábase este venres no Auditorio de Vilagarcía de Arousa coa presenza de Diego Calvo, vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

A vixésima edición da gala converteuse no escenario da entrega dos premios Nécora de Ouro, cos que se recoñece o labor de persoas e entidades que loitan contra o tráfico de drogas. 

O premiado nesta edición foi Antonio Duarte, xefe da Brigada Central de Estupefacientes da Policía Nacional. Tamén recollían o galardón o xornalista José Antonio Pérez Docampo e a Sociedade Europea para a Investigación en Prevención.

Durante o acto, Manuel Couceiro, presidente da Fundación, alertou sobre a escalada do narcotráfico durante os últimos tempos en Galicia lembrando o descubrimento do laboratorio de elaboración de cocaína situado en Cerdedo-Cotobade ou diversas operacións policiais desenvolvidas nas Rías Baixas.