A Fundación Banco Médico Farmacéutico e o Concello de Sanxenxo cofinanciarán tratamentos de pacientes sen recursos

Sanxenxo
22 de xullo 2020

A Fundación e o Concello asinaron un convenio polo que se farán cargo ao 50% do pago de medicamentos dos veciños da localidade que non poidan facer fronte ao pago destes por cuestións económicas, sempre previo informe dos servizos sociais municipais 

A Fundación Banco Médico Farmacéutico e o Concello de Sanxenxo asinan o convenio
A Fundación Banco Médico Farmacéutico e o Concello de Sanxenxo asinan o convenio / Concello de Sanxenxo

A Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia e o Concello de Sanxenxo asinaron este mércores un convenio polo que ambas as entidades cofinanciarán tratamentos médicos de persoas en situación de exclusión social. Segundo as cifras facilitadas polo Concello, nestes momentos, Servizos Sociais de Sanxenxo axuda a 21 familias na compra de tratamentos.

A presidenta do Banco Farmacéutico, Paula Chapela; e o alcalde, Telmo Martín, subscribiron o protocolo no salón de Plenos da Casa do concello en compañía dos patróns da Fundación Ramiro Varela, asesor médico; Manuel Martín, asesor xurídico; e Raúl García de Loza, ex árbitro internacional. 

O convenio ten por obxectivo o cofinanciamento dos custos derivados de fármacos e/ou tratamentos médicos para persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade empadroados no Concello de Sanxenxo. En concreto, faranse cargo ao 50% do pago de medicamentos dos veciños da localidade que non poidan facer fronte ao pago destes por cuestións económicas, sempre previo informe dos servizos sociais municipais. 

Paula Chapela destacou que este convenio supón o inicio dunha actividade que conleva unha "engrenaxe complicada", pero que "facilitará a vida a moitas persoas con problemas de saúde que ademais se atopan en situación de exclusión social"

Xa en agosto de 2019 ambas as institucións colaboraron celebrando no campo de fútbol do Portonovo o Trofeo Solidario Manolo Martín, que enfrontou ao Real Madrid Castela e ao Pontevedra C.F., e cuxos beneficios foron destinados á Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia. 

Ademais, a Fundación e o Concello colaboran no pago de audífonos para menores de Sanxenxo con dificultades auditivas cuxas familias se atopan en situación de dificultade económica, mediante a entrega de prótese auditivas sen ningún custo para o usuario previo informe social e médico. Para levar a cabo esta actuación, a Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia tamén conta con convenio de colaboración con Gaes Area Social (Grupo Amplifon).

A Fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia é unha entidade que ten como obxectivo dar resposta ás necesidades de acceso aos medicamentos e tratamentos médicos de persoas en risco de exclusión social, especialmente de menores, que non poden facerse cargo do pago dos mesmos.