A Fundación Alexandre Bóveda felicita a reincorporación da Xunta ao Día de Galiza Mártir e pide tamén "políticas de memoria histórica"

Pontevedra
14 de agosto 2024

Fundación e Concello de Poio organizan o acto institucional que terá lugar o sábado 17 #ante o monólito de homenaxe a Alexandre Bóveda no que volverá haber representación do goberno galego do mesmo xeito que no acto cívico da tarde no cemiterio de San Amaro

Vicente García Bóveda, Ángel Moldes e Natalia Sabarís presentaron os actos do Día de Galiza Mártir
Vicente García Bóveda, Ángel Moldes e Natalia Sabarís presentaron os actos do Día de Galiza Mártir / Concello de Poio

O monólito de homenaxe emprazado na Caeira volverá concitar este sábado 17 o acto institucional do Día de Galiza Mártir, representado na figura de Alexandre Bóveda. Esta circunstancia era lembrada polo representante da Fundación que leva o seu nome, Valentín García Bóveda durante a presentación da convocatoria que terá lugar en Poio: "o día 17 de agosto se instituyó por Castelao e a Irmandade Galega en Bos Aires como Día dos Mártires Galegos e cando falamos de Bóveda facémolo representación a todas as figuras coas que temos que traballar".

Nesa primeira persoa do plural incluíu ao Executivo galego, cuxa representación se reincorpora a estes actos e que "é motivo de alegría para a Fundación. Esa presenza queremos que tamén se transforme en políticas de memoria histórica; isto é, en orzamentos, e esperemos que tamén sexa así para 2025", apuntaba García Bóveda, engadindo o agradecemento ao Concello de Poio pola súa conmemoración anual nesta data.

O alcalde, Ángel Moldes, apuntaba a "colaboración e comunicación fluída que existe coa Fundación" como mensaxe aos cidadáns: "estamos a facer o que a cidadanía reclama: deixar a confrontación e as políticas estériles e que todos os políticos poñámonos de acordo. Porque se pode facer política desde o respecto e o entendemento e é a mellor homenaxe a Alexandre Bóveda, evitar a confrontación e poñer en valor todo o que nos une. Falar de Bóveda é falar de Galicia e é patrimonio de todos". 

O acto institucional será o sábado 17 ás 13.00 horas. Estará conducido pola concelleira de Cultura, Natalia Sabarís e intervirán a presidenta da Fundación e filla de Bóveda, Amalia Bóveda; o vicepresidente David Otero, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas e concluirá cunhas palabras do alcalde de Poio. Tamén intervirá a Escola de Música Tradicional de Poio.

Acudirá, como se sinalaba na presentación, o consellerio de Cultura, López Campos; do mesmo xeito que o vicepresidente provincial Rafael Domínguez e o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores. Pola tarde en San Mauro terá lugar unha misa e ás 19.00 horas un acto cívico ante o sartego de Bóveda ao que tamén acudirá o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices. Valentín García escusou a imposibilidade este ano de organizar máis actos que "esperemos que para 2025 háxaos".

Previamente á xornada do sábado, o venres 16 ás 12.00 horas presentarase no Casal de Ferreirós de Poio o libro 'Alexandre Bóveda, lume vivo acesa chama' no que intervirá o seu autor Xan Leira.