Coa chegada dos buques conxeladores Igueldo, Monteferro e CFL Hunter que descargarán máis de 2.000 toneladas de lura no porto e a previsión de novas escalas, comeza a campaña de Malvinas para os frigoríficos de Marín. A eles sumarase nos próximos días o Montelourido que sumará preto de 900 toneladas máis.
A da pesca conxelada é unha mercadoría en progresivo aumento durante os últimos anos e para a que Marín conta con certificación europea de calidade xa que o porto é un referente loxístico para a recepción, elaboración e distribución deste tipo de produtos.
As plantas frigoríficas situadas no Porto de Marín dedicadas fundamentalmente á recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada son un dos principais motores económicos para toda a comarca.
Gran parte das empresas frigoríficas implantadas no porto contan ademais con salas de elaborado de peixe, unha das actividades que máis empregos crean na zona. O Porto de Marín conta no seu conxunto cunha capacidade de almacenamento frigorífico duns 262.000 metros cúbicos concentrados nun único recinto.
Desde as plantas de frío do Porto de Marín expórtanse produtos elaborados aos principais mercados de Europa e algúns deles recibiron varios recoñecementos e galardóns por parte dos consumidores. Aos servizos que o Porto de Marín ofrece á pesca conxelada, sumouse unha liña ferroviaria da multinacional Maersk que fai un traxecto semanal Alxeciras-Marín con vagóns refrixerados ademais de transportar mercadoría en seco.
O Porto rexistrou un crecemento superior ao 18% no movemento de mercadorías no primeiros catro meses do ano mentres a media estatal situouse no 2,2%. Marín é o porto galego que máis crece neste primeiro cuadrimestre e o segundo de todo o sistema portuario estatal. Os bos datos que se están rexistrando durante o mes de maio indican que este será outro mes de crecemento para o porto.