A fronte social e política posta en marcha para loitar contra a continuidade de Ence na Ría de Pontevedra cobra unha forma cada vez máis definida. Na noite deste venres mantiveron unha reunión no local social do Gorgullón e este sábado fixeron unha comparecencia pública na que deron a coñecer a campaña que porán en marcha, que terá o eslogan 'Ence fóra para sempre'.
Forman parte da campaña o Goberno local e os grupos municipais do BNG, PSdeG-PSOE e Marea, que van da man de asociacións veciñais, ecoloxistas, profesionais, de comunidades de montes e colectivos cidadáns. No seu nome, os portavoces das asociacións ecoloxistas Defensa da Ría e Vaipolorío defenderon que "só a presión social sobre Ence e o PP de Pontevedra e de toda a comarca será quen de impedir a prórroga" que volveu pedir a empresa por 50 anos máis.
"En xogo está o futuro da ría, de todos nós e dos nosos fillos", manteñen e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, engade que evitar que a pasteira permaneza na enseada de Lourizán "é unha responsabilidade de todos", de modo que anima aos cidadáns a mobilizarse ata acadar o obxectivo.
Segundo informaron, trátase dunha campaña multimedia baseada nun identificador gráfico que pode ser utilizado por calquera persoa que desexe manifestar a súa opinión a prol da recuperación da ría.
Entre os fitos da campaña atópanse a realización dunha páxina web que será presentada nos póximos días, a publicación dun 'Libro Branco sobre Ence', con sinxelas preguntas e respostas sobre a realidade da empresa e a contestación legal e social que tivo e ten, e unha xanela electrónica para que a cidadanía imaxine Lourizán sen a fábrica.