A folga invisible dos PAC

Pontevedra
09 de abril 2019

Desde o pasado 7 de xaneiro os traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) están en folga indefinida, pero non se nota. En parte porque os servizos mínimos decretados ascenden ao 100%

Carteis da folga no PAC da Parda
Carteis da folga no PAC da Parda / PontevedraViva

Desde o pasado 7 de xaneiro os traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) están en folga indefinida, pero non se nota. En parte porque os servizos mínimos decretados ascenden ao 100%.

Este luns desconvocábase a folga de atención primaria en Galicia. A Consellería de Sanidade aceptaba as reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública. Con todo, nos PAC seguen en pé de guerra e manteñen os seus paros para reclamar melloras asistenciais e laborais.

No caso do PC da Parda traballan cinco profesionais polas tardes e catro polas noites. O centro permanece empapelado con cartelería que lembra que manteñen un conflito. Pero nada máis evidencia o que está a pasar.

Son 11 as reivindicacións destes profesionais sanitarios, entre elas, a equiparación de dereitos ao resto dos colectivos do Sergas, a retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos enfermería-médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección ou correccións no cómputo de permisos e as baixas. Desde a Administración sosteñen que a gran  mayoria destas demandas xa están resoltas.

Desde os PAC expresaron a súa "máis absoluta indignación polo trato recibido" polo seu comité de folga o pasado venres pola Consellería  Sanidade, ao considerar que non son representantes "lexítimos e polo tanto, sen capacidade negociadora". Ademais rexeitan que a súa "única opción sexa aceptar un borrador que xa foi rexeitado polos traballadores nunha votación con urnas postas en todas as áreas".

Este martes en diversos puntos de Galicia reuníronse os traballadores para acordar novas mobilizacións, en Pontevedra os representantes de todos a PAC do Area de Pontevedra e Salnés e todos os asistentes manifestaron que seguiran en folga "mentres non sexan atendidas as nosas demandas".