Un grupo de mariñeiros da flota cefalopodeira galega que faenaba en aguas de Mauritania logrou finalmente manter unha xuntanza co secretario xeral de Pesca tras desprazarse ata o Museo do Mar de Vigo xunto a responsables de CIG-Mar, onde o representante do Goberno español participaba na presentación dun informe do Consello Económico e Social.
O secretario nacional da CIG-Mar, Xabier Aboi, abordou o responsable do Goberno ás portas do edificio e reclamoulle que os recibise, pero ante a súa negativa os afectados decidiron entrar na sala onde ía ter lugar a presentación dun informe do CES sobre as reformas na política pesqueira europea.
Xa no interior, despregaron unha pancarta e permaneceron en silencio á espera de que se iniciase o acto. Foi a presidenta do CES de Galicia, Corina Porro, quen lles dixo que finalmente ían ser recibidos polo secretario xeral. Ao remate da xuntanza o responsábel da CIG-Mar explicou que o representante do Goberno español lles asegurou que "non está confirmada a información coñecida nas últimas hora que apuntan a unha ruptura definitiva do acordo entre a UE e Mauritania".
Segundo indicou Aboi, o secretario xeral de Pesca sostén que se trata dunha infomación interesada que filtrou unha ONG para presionar ó Parlamento europeo. Con todo, o responsable sindical apelou á necesidade de revisar un pacto que nas actuales condicións "é un bluff que se paga a prezo de diamante", ao tempo que lembrou que os barcos afectados (entre eles 24 cefalopodeiros galegos) levan amarrados dende agosto de 2012 "sen que Goberno español nin Xunta de Galicia fagan nada", dixo Aboi.
Finalmente lembrou que existen varios informes, incluído un da FAO, que confirman que non hai un problema de escaseza de capturas nin de sostenibilidade, ao tempo que sinalou que, á marxe do acordo económico entre Mauritania e a UE, as empresas teñen que pagar un canon que cualificou de "atrocidade", condicións que fan que esta actividade sexa inviáble para moitos armadores.
Unha vez celebrada a xuntanza, e tras abandonar a sala do museo onde tiña lugar a presentación do informe do CES, os afectados celebraron unha pequena asemblea onde fixaron as mobilizacións a desenvolver nos vindeiros días.